Trátase dunha iniciativa clave dentro da estratexia do Eixo Atlántico fronte ao reto demográfico e ao impulso do enoturismo
O Barco de Valdeorras presentou o proxecto para a creación do Centro de Interpretación da Minaría, unha iniciativa cultural e turística que se enmarca na estratexia impulsada polo Eixo Atlántico para facer fronte ao reto demográfico e fomentar o enoturismo na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. Este centro pretende dar un novo uso ás antigas instalacións de transformación de cal do municipio, co obxectivo de configurar un espazo multicultural único na Eurorrexión, dedicado á divulgación e posta en valor das catro formas tradicionais de explotación mineira presentes na zona: as minas romanas, as canteiras de cal, as canteiras de lousa e as minas de volframio.
Ademais do seu carácter divulgativo e museístico, o centro integrará salas expositivas, espazos para concertos e outras actividades culturais, reforzando a oferta turística do territorio e servindo como motor de desenvolvemento sostible.
A iniciativa enmárcase na estratexia promovida polo Eixo Atlántico para facer fronte ao reto demográfico e fomentar o enoturismo como motor de desenvolvemento sostible na Eurorrexión. Entre as primeiras actuacións xa en marcha destacan o proxecto de creación dun viveiro de granxas, o plan de prevención de incendios forestais e a folla de ruta para a implantación do enoturismo. Todas estas accións están en curso e contan con financiamento procedente de fondos europeos.
O Centro de Interpretación da Minaría tamén se beneficiará da posición estratéxica de O Barco dentro dun contorno natural e cultural privilexiado, próximo á Ribeira Sacra (candidata a Patrimonio da Humanidade), ao xeoparque Montañas do Courel (que desde o 2019 figura na lista de Xeoparques Mundiais da Unesco), á zona arqueolóxica das Médulas e ao Macizo de Pena Trevinca. Con este proxecto, O Barco de Valdeorras dá un paso adiante na recuperación do seu patrimonio industrial e natural, así como na dinamización da comarca.