Skip to main content

O Barco de Valdeorras inicia un laboratorio de innovación transformadora impulsado polo Eixo Atlántico

O Barco de Valdeorras inicia un laboratorio de innovación transformadora impulsado polo Eixo Atlántico

O Barco de Valdeorras deu inicio a un innovador proxecto que sae do Mapa de Cohesión do Eixo Atlántico para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. O obxectivo principal é optimizar áreas clave como a política social, a cultura, o cambio climático e a xeración de riqueza no municipio

A primeira reunión tivo lugar no salón de actos do Edificio Multiusos do Barco, onde se explicou o alcance do proxecto por parte de Roberto San Salvador, Director - Cátedra Deusto Cities Lab da Universidade de Deusto. No encontro tamén estiveron presentes representantes do Concello.

Este proxecto segue o modelo do Eixo Atlántico, que xa foi posto en práctica en 2023 en Ribeira (Galicia) e en Santa Maria da Feira (Portugal), e destaca pola implicación activa da comunidade local (colectivos e cidadanía anónima) en cada unha das fases do proceso. A través deste laboratorio social, búscase crear un espazo de reflexión e acción para identificar os principais retos do municipio e definir estratexias que permitan mellorar a calidade de vida da veciñanza.

O alcalde do Barco, Alfredo García, destacou que este proxecto será unha ferramenta para definir estratexias que permitan poñer en marcha melloras concretas en áreas como infraestruturas, servizos, economía e medio ambiente. E, ao igual que en Ribeira ou Santa Maria da Feira, O Barco aproveitará a experiencia do Eixo Atlántico para integrar diferentes perspectivas e atopar solucións compartidas para os desafíos do futuro.

A iniciativa culminará en maio cunha reunión final que consolidará as conclusións e definirá as accións a seguir nos próximos anos.