O Barco contará cunha oficina para promoción de produtos tradicionais e dinamización turística
A oficina dedicarase á promoción de produtos tradicionais ao mesmo tempo que se aproveitará para crear un punto de información turística sobre o concello do Barco
Hoxe levábase a cabo a inauguración do novo punto de información situado na Praza de Abastos para a promoción de produtos tradicionais e dinamización turística do concello do Barco. Á inauguración, que tiña lugar no propio local, acudían o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, o alcalde do Barco, Alfredo García, a xerente do INORDE, Enma González, e o concelleiro de Turismo, Eladio Santos.
O concelleiro de Turismo, Eladio Santos, encargado ademais da posta en marcha desta iniciativa, explicaba que a oficina dedicarase á promoción de produtos tradicionais ao mesmo tempo que se aproveitará para crear un punto de información turística sobre o concello do Barco: “desde a concellaría temos a intención de traballar a reo para espremer ao máximo o ano que temos por diante”, aseguraba. Santos tamén explicou que a praza de Abastos será o núcleo da actividade de promoción de produtos gastronómicos e indicou que a promoción do camiño de inverno será un punto clave deste proxecto.
O Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, fixo referencia á “importancia das comunicacións coa meseta para desenvolver os produtos turísticos na comarca” contando coa chegada do Ave a Galicia que conectaría O Barco con Madrid a tan só dúas horas. Mao destacou como potencialidades da comarca a fusión entre gastronomía e natureza gabando a calidade destas dúas materias en Valdeorras.
Emma González, xerente do INORDE, destacaba tamén pola súa banda “a importancia de posicionarse nos mercados de proximidade” resaltando que “se precisa gañar notoriedade con produtos adaptados á demanda”. Como conclusión González destacou a importancia da cooperación transfronteiriza e o compromiso do ente provincial coa promoción do Xeodestino Manzaneda-Trevinca ao que pertence o concello do Barco.
No peche do acto, tomou a palabra o alcalde do Barco, Alfredo García, que fixo referencia á “importancia do apoio que o Eixo Atlántico está a darnos para poñer en marcha esta oficina” e fixo fincapé na “oportunidade que se nos presenta para ser o destino desa xente que se atopa na nosa contorna como poden ser os visitantes de Asturias, Portugal ou Castela León”, concluía.
A oficina terá o acometido de relacionarse de forma activa cos axentes relacionados coa promoción de produtos e a dinamización turística como son o sector do viño, os produtores, os establecementos de restauración e hostalaría ou as empresas de turismo activo ou enoturismo. Tamén se porá en contacto aos usuarios ou posibles visitantes coas empresas da zona para informarlles sobre onde aloxarse, comer ou realizar actividades de ocio.