Skip to main content

O alumnado de Vila Real visita O Barco de Valdeorras co programa dos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico

O alumnado de Vila Real visita O Barco de Valdeorras co programa dos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico

50 alumnos do Barco de Valdeorras e de Vila Real participan desde nos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico. Trátase dunha iniciativa organizada e financiada polo Concello do Barco, no que este ano participa o CEIP Condesa de Fenosa. Con este programa, búscase facilitar o intercambio entre escolares dos diferentes concellos de Galicia e Norte de Portugal que integran Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e, neste caso en concreto, as cidades de O Barco e Vila Real.

Es escolares portugueses chegaron o mércores ao CEIP Condesa de Fenosa, onde tiveron un encontro cos seus compañeiros do Barco, e foron recibidos polo alcalde, Alfredo García, e a concelleira de Educación e Cultura, Margarida Pizcueta. Os integrantes do intercambio compartían un xantar e recreo no centro e pola tarde participaban en diferentes actividades. Pola tarde era o turno das visitas ás instalacións do hotel Monumento Pazo do Castro e á Torre medieval do Castro, incluíndo unha ruta turística polo Barco visitando os lugares máis emblemáticos da vila. Hoxe, xoves 9 de maio visitarán ás naves de elaboración de lousa do Pizarras Tres Cuñados; serán recibidos no Concello do Barco por parte do alcalde e a concelleira de Cultura no Salón Multiusos; e tamén visitarán a exposición “Os Escarvadores” no espazo expositivo do Teatro Lauro Olmo.

Os obxectivos do programa son os de promover entre estudantes e docentes o coñecemento dos municipios, así como o seu patrimonio cultural, natural e inmaterial; facilitar o intercambio entre estudantes dos diferentes municipios do Eixo Atlántico; concienciar aos estudantes da importancia de vivir nun municipio integrante do Eixo Atlántico, integrantes dunha Eurorrexión, e promover a realización de experiencias didácticas que potencien o uso do municipio como recurso educador.

Na primeira fase deste intercambio, 6 rapaces e 14 raparigas, acompañados dun profesor e unha profesora do CEIP Condesa de Fenosa, viaxaron a Vila Real os días 10 e 11 de abril. Agora, 25 alumnos e dous profesores do Agrupamento Escolar Diogo Cão, e unha técnica do municipio de Vila Real estarán hoxe e mañá no Barco de Valdeorras, onde desenvolverán un amplo programa de actividades.