Skip to main content

O alumnado de Guimarães visita Vilalba no marco dos Intercambios Escolares del Eixo Atlántico

O alumnado de Guimarães visita Vilalba no marco dos Intercambios Escolares del Eixo Atlántico

Escolares de sexto de primaria do CEIP Insua Bermúdez e da Escola de Briteiros de Guimarães foron os protagonistas da primeira actividade celebrada en Vilalba desde que o municipio pasou a formar parte do Eixo Atlántico. O alumnado de ambos centros participou nun intercambio que trouxo a 17 estudantes de Guimarães a terras chairegas, onde coñeceron a paisaxe, a cultura, a música e a gastronomía local.

Foron recibidos no CEIP Insua Bermúdez  polo goberno municipal, e visitaron a Torre dos Andrade, onde disfrutaron dunha visita teatralizada protagonizada por integrantes da Escola Municipal de Teatro, que deron vida á condesa de Andrade, a Pepa a Loba e a Concha da Reina. A continuación, desprazáronse á queixería Don Crisanto, da DOP San Simón da Costa, onde probaron diferentes variedades de queixo —fresco, curado e afumado— e coñeceron o proceso de elaboración deste produto emblemático.

O programa continuou cun concerto de música tradicional ofrecido por escolares do CEIP Insua Bermúdez, tras o que percorreron xuntos o Paseo dos Soños, deténdose en cada monólito para coñecer as súas figuras homenaxeadas, ata chegar á praia fluvial. Compartiron unha merenda, regresaron ao centro educativo e, como despedida, asistiron a unha actuación no auditorio municipal. O intercambio incluíu actividades culturais, musicais e gastronómicas que contribuíron a estreitar os lazos de amizade e cooperación entre ambos territorios, dentro do espírito de colaboración promovido polo Eixo Atlántico.