
O Concello de Lugo inaugurou hoxe a Praza do Eixo Atlántico, que se sitúa no barrio da Piringalla
O Eixo Atlántico inaugurou a súa sexta praza pública e a primeira en Galicia. A recente inaugurada en Lugo, aprobada a súa creación no contexto da Capital da Cultura 2023, súmase á de Bragança, Matosinhos, Braga, Vila Nova de Gaia e Viana do Castelo. Trátase dun recoñecemento non só á historia da entidade, senón tamén como símbolo de punto de encontro das cidades galegas e portuguesas. A escultura que preside a praza é un cilindro con iluminación cos nomes dos 41 municipios e deputacións que integran o Eixo Atlántico.
Tras a inauguración do novo espazo urbano, a Comisión Executiva do Eixo Atlántico reuniuse no edifico Impulso Verde para analizar a situación e evolución das infraestruturas, así como dos principais proxectos en curso do Eixo Atlántico. Entre os acordos tomados, a Comisión ratificou a proposta do Grupo Temático de Turismo para que Sarria sexa, en maio de 2025, a sede da VIII Expocidades, a feira de turismo de proximidade. Sarria é un dos municipios de referencia do Camiño de Santiago Francés onde miles de peregrinos inician os últimos 100km ata Santiago.
Así mesmo, a Comisión Executiva aprobou a proposta do Grupo Temático de Educación e Cultura de que Viana do Castelo sexa a Capital da Cultura 2025. Durante 10 meses, de xaneiro a outubro, organizaranse 64 grandes eventos de diversas disciplinas: cultura urbana, música, literatura, gastronomía, cine, arquitectura etc.
Viana do Castelo é un municipio con un patrimonio histórico, arquitectónico, cultural e paisaxístico aberto á diversidade e á mudanza, procurando sempre manter o equilibro entre o pasado e o futuro. É nesta premisa creativa onde se asenta a creación artística e cultural. Ser a Capital da Cultura do Eixo Atlántico vai promover a aproximación e a interligazón dos elementos identitarios de Viana do Castelo co Eixo Atlántico.
Finalmente, a Comisión Executiva aprobou a proposta do Grupo Temático de Deportes para organizar en Valongo, no mes de outubro, un seminario de intercambio de experiencias sobre a igualdade de xénero no deporte.
Polo que respecta ás infraestruturas, verificouse o compromiso do Goberno de Portugal de manter o calendario da liña Lisboa – A Coruña tal e como foi aprobada pola Asemblea da República, iniciando os procesos previos á construción da liña sen que se producise ningún retraso.