"No caso de Ferrol, dende a dictadura ata hoxe, houbo 7 instrumentos de planifiación ferroviaria. En 5 deles, a liña Ferrol- A Coruña non se mencionaba e, nos dous nos que se falaba dela, non se cumpliu o que se dixo"

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, intervén en SER Ferrol por mor da súa intervención no Foro Cidadán polo Ferrocarril que se celebrou en Ferrol
Cerca dunha decena de entidades de Ferrol e comarca organizaron o Foro Cidadán polo Ferrocarril, unha iniciativa que busca poñer fin á “situación de abandono” que sofre a rexión en canto á súa infraestrutura ferroviaria. O Foro Cidadán polo Ferrocarril organizará tres conferencias ao longo do mes de abril. A primeira delas tivo lugar o 1 de abril ás 19:30 horas no mesmo Ateneo Ferrolán, e contou coa intervención de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico. A segunda conferencia será o 11 de abril, tamén ás 19:30 horas, no centro cívico de Canido, e contará coas intervencións da historiadora Esperanza Piñeiro e a presidenta do Club de Prensa, Xulia Díaz Sixto. A última das conferencias celebrarase o 24 de abril ás 19:30 horas no antigo Hospicio, onde o profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Pazos Outón, pechará o ciclo.
O Foro Cidadán polo Ferrocarril subliña que “non nos resignamos á marxinalidade” e pon de manifesto a necesidade urxente de modernizar as infraestruturas ferroviarias. No seu comunicado, recalcan a importancia de dispoñer dun sistema de transporte ferroviario moderno que acorte os tempos de viaxe entre Ferrol e A Coruña, ademais de conectar o tren co porto e co Corredor Atlántico de Mercancías e mellorar a liña de FEVE entre Ferrol e Ribadeo, para satisfacer tanto as necesidades sociais como económicas da rexión.
A plataforma insta á cidadanía a unirse a esta loita por unhas infraestruturas ferroviarias de calidade e a participar activamente nas actividades programadas para sensibilizar sobre esta cuestión fundamental para o desenvolvemento de Ferrolterra.
Escoite aquí a entrevista en SER Ferrol:
Vexa a intervención de Xoán Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico: