Skip to main content

Menos mal que nos queda Portugal… ou xa nin iso?

Menos mal que nos queda Portugal… ou xa nin iso?

Artigo de opinión de Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico

Nos EUA existía —non sei se aínda existe— un xogo que popularizou a película Rebeldes sen causa. O xogo consiste nunha carreira de dous coches cara a un abismo, onde perde quen primeiro salta fóra do coche. O resultado obvio é que, a maior parte das veces, un dos condutores cae polo cantil co coche, e nalgúns casos mesmo caen os dous. Esa sería a metáfora do que aconteceu, ou quizais deberiamos dicir vén acontecendo, en Portugal dende hai ano e medio, é dicir, dende a marcha de António Costa.

O resumo do que ocorreu onte é a continuidade de Portugal polo camiño da ingobernabilidade e da inestabilidade política, ao que se lle engade a perigosísima deriva do voto portugués cara ao populismo de extrema dereita, que, a día de hoxe, todo indica que será consolidado polo voto inmigrante como xefatura da oposición. O Partido Socialista pasou dunha cómoda maioría absoluta a unha terceira posición que o achega á insignificancia, na que xa están instalados CDU e o Bloque de Esquerdas, e todo isto nun vertixinoso prazo de tres anos.

Esta situación, e o perfil dos actuais dirixentes, apunta a que Portugal pode ir despedíndose do milagre económico que protagonizou tras o traumático rescate. A conclusión non ofrece moitas máis alternativas, nin hai que ser un Einstein da análise política para vela. Así pois, a pregunta é como se chegou a isto, e aí a situación si que merece unha reflexión máis ampla.

En primeiro lugar, os erros do Partido Socialista: primeiro coa xestión da crise que empuxou a Costa a marchar; segundo, coa vitoria da ala radical personificada en Pedro Nuno, co seu perfil pouco empático, a súa manifesta incapacidade política, da que fixo gala ao longo deste último ano; e finalmente, o erro, inmenso erro, de non saber integrar á ala moderada do seu partido tras a súa vitoria no congreso.

Pero se hai un erro moito máis grande, de alguén que para sempre debe ser asociado ao ascenso da extrema dereita e á inestabilidade na que Portugal quedou instalado, é o do Presidente da República, Rebelo de Sousa, cando forzou eleccións en Portugal tras a marcha de Costa, no canto de convidar a formar goberno a outro candidato proposto polo Partido Socialista, respectando así a maioría absoluta que apenas un ano antes lle dera o electorado.

Por outra banda, á escasa simpatía de Montenegro hai que sumarlle o canibalismo tradicional do PSD, que, inmerso nunha longa tradición xa cronificada de guerras internas, só lle deu unha oportunidade a Rui Rio, defenestrándoo despois. Ninguén en Portugal dubida de que se hoxe Rio fose o candidato, mesmo se o fose hai un ano, os resultados serían ben distintos e Portugal estaría hoxe no camiño da estabilidade cun primeiro ministro centrista.

Rui Rio, a quen coñezo ben porque foi presidente do Eixo Atlántico, é unha persoa dunha honradez paradigmática, mesmo diría que obsesiva, e que, enfrontado a António Costa, perdeu as eleccións (Costa foi alcalde de Lisboa e Rio, do Porto, o que sería como se o alcalde de Barcelona se presentase a presidente do goberno en España fronte a un alcalde de Madrid —que fose un bo alcalde, por suposto). E outra cousa moi distinta sería Rui Rio fronte a Pedro Nuno.

Non hai que esquecer que Montenegro presenta unha moción de confianza porque se ve salpicado nun escándalo de corrupción, o que obviamente non parece afectarlle electoralmente. E esta é a última reflexión que debemos facer: ¿que está a pasar na nosa sociedade para que se penalice máis un discurso radical de esquerdas que a corrupción ou o populismo de extrema dereita?

É certo que cando vendes o espazo doutros, estás orientando o voto do teu electorado cara a eses outros. O votante compra orixinais, non copias. Feijóo debería sabelo ben porque, co seu discurso contra a inmigración —por citar un exemplo—, o votante de centro non votará ao PP, e o votante que lle compre ese discurso votará a VOX.

O curioso de Portugal é que a fuga de votos polo discurso radical de Pedro Nuno, á esquerda do PS, non foi parar ao Bloque de Esquerdas nin ao Partido Comunista, senón á extrema dereita. Non esquezamos que Hitler chamou ao seu partido “Nacional Socialista”, que Mussolini viña do Partido Socialista, e que Franco xenerou un discurso “social” baseado no nacional-sindicalismo; é dicir, utilizou termos e conceptos da esquerda para enganar e seducir o voto obreiro e das masas populares golpeadas pola crise do 29 e polo Tratado de Versalles, grazas ao cal o fascismo chegou ao poder, ou intentou xustificar o apoio ao golpe de Estado en España.

Que ninguén dea por feito que os sectores máis febles da sociedade votan á esquerda pero, sobre todo, que ninguén esqueza que os extremos se tocan. E, nalgún caso, mesmo se superpoñen.

A última nota de esperanza é o proceso que agora inicia o Partido Socialista coa dimisión de Pedro Nuno, que nos permitirá saber se o Partido Socialista ten capacidade de reinventarse e volver ao posto que historicamente ocupou, ou se, seguindo a estela de Francia e Italia, entra definitivamente na senda da insignificancia e da autoinmolación.

Do que está a ocorrer en Portugal quizais tamén debería tomar nota España, especialmente no que atinxe aos perigos que implica a desaparición de líderes monopolísticos, ou o que é o mesmo: dos “putos amos”.