Skip to main content

Manuel Baltar, novo presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico

Manuel Baltar, novo presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico

Baltar asumiu a presidencia do Foro afirmando o seu compromiso de acentuar o impulso do termalismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nos vindeiros anos mediante o traballo de desenvolvemento conxunto nas catorce entidades locais que o integran

25 de febreiro de 2021. O Foro Termal vén de escoller ao presidente da Deputación de Ourense,  Manuel Baltar, como novo presidente da rede coordinada polo Eixo Atlántico, durante a reunión telemática dos seus membros celebrada o martes. Baltar asumiu a presidencia do Foro afirmando o seu compromiso de acentuar o impulso do termalismo na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal nos vindeiros anos mediante o traballo de desenvolvemento conxunto nas catorce entidades locais que o integran.

Os membros do Foro Termal abordaron tamén a participación na VI edición de Expocidades, que se celebrará no último cuadrimestre do ano en Valongo (Portugal) e contará cun stand propio centrado no termalismo das localidades do Foro que non forman parte do Eixo. En Expocidades divulgarase tamén a Guía Termal do Eixo Atlántico, que verá a luz en primavera-verán e que dará cabida a establecementos termais e burgas presentes en Galicia e o Norte de Portugal, así como da historia, patrimonio, aloxamentos e puntos de interese turístico das entidades locais do Foro Termal: Caldas de Reis, O Carballiño, Carballo, Deputación de Lugo, Deputación de Ourense, Lugo, Ourense, Ponteareas (Mondariz e Salvaterra de Miño) en Galicia; e Amarante, Guimarães, Santa Maria da Feira, Vila Pouca de Aguiar, Vizela e Terras de Bouro no Norte de Portugal.

De cara aos vindeiros meses, e se a situación sanitaria así o permite, o Foro Termal organizará o primeiro Seminario de Intercambio de Experiencias centrado no termalismo, que terá lugar na localidade portuguesa de Vizela, dividido en tres bloques principais: marco Europeo, prestando atención a accións da Comisión Europea e da EHTA; Turismo de Saúde, e Relanzamento do sector termal post-Covid.

O Foro Termal foi creado para promocionar e impulsar o recoñecemento público do termalismo da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal a nivel nacional e internacional, a través dunha estratexia conxunta que, en sintonía coa nova era do Eixo Atlántico, vén de condensarse nun traballo de desenvolvemento local conxunto entre as catorce entidades locais que integran o Foro. A promoción e a posta en valor do termalismo e da cultura e o patrimonio termal da Eurorrexión, así como o intercambio de boas prácticas e a participación conxunta en proxectos e iniciativas que posibiliten e contribúan á promoción do sector, están na base do traballo do Foro Termal. Sen esquecer o estímulo da economía dos municipios termais que é, en consecuencia, un estímulo para a economía de toda a Eurorrexión.

Esta rede de colaboración, baixo a coordinación do Eixo Atlántico, busca tamén o reforzo da posta en común de experiencias e coñecemento no eido termal, así como promover o desenvolvemento de novas competencias, informacións e resultados.