A fin de semana do 11 e 12 de setembro tivo lugar a Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico no concello do Barco de Valdeorras coa participación de 22 produtores de Galicia e Norte de Portugal
A feira que contou con produtos variados como queixos, aceites, compotas, doces, mel, etcétera, desenvolveuse no entorno natural privilexiado da Praia Fluvial da vila do Barco e coincidindo coas festas patronais da localidade.
Polo recinto ferial pasaron máis de 3.000 persoas durante todo o desenvolvemento da mesma e o volume de ventas situouse por riba dos 20.000 euros entre todos os produtores participantes.
En canto ás medidas fronte ao Covid a feira contaba con xeles desinfectantes á entrada e a saída do recorrido que foi disposto en stands colocados nunha soa fila e abundante cartelería recordando as medidas de hixiene e as distancias de seguridade.
O acto de apertura da feira tivo lugar o sábado ás 11 da mañá e contou coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García, o concelleiro de turismo, Eladio Santos, e a concelleira de cultura, Margarida Pizcueta. Eladio Santos destacou “a importancia de apoiar aos produtores tradicionais para os territorios”, Margarida Pizcueta falou do “marco incomparable que é a beira do río Sil no que estaba a celebrar a feira e obre a calidade dos produtos que se presentaban nela”, e pechou o acto Alfredo García reflexionando “sobre a importancia de remitir o abandono do rural a través de iniciativas agroalimentarias que lle dean valor e acheguen oportunidades”. Numeroso público se congregou no entorno da feira para escoitar as palabras das autoridades locais no acto inaugural e desde primeira hora o recinto encheuse de xente que viña a pasear, a mirar pero tamén a comprar.
Que a feira estivera enmarcada no fin de semana das festas patronais da localidade foi un acerto xa que ambas actividades se complementaron mututuramente. As actividades programadas para as Festas do Cristo do Barco atraeron ao público ao recinto ferial e ao mesmo tempo a propia feira achegou xente ás actividades festivas.
A feira contou tamén con actividades complementarias organizadas no marco da propia feira como foron as “Catas no Sil” dirixidas pola sumiller Mercedes González @membajadora que foron un éxito en canto á participación e tamén respecto á satisfacción dos asistentes ás mesmas. Leváronse a cabo en concreto dúas catas, unha o sábado pola tarde bautizada como “Crepúsculo” e outra o domingo pola mañá baixo o nome “Unha ronda Caprichosa”. Nestas catas, nas que participaron previa inscrición unha vintena de persoas en cada unha, puidéronse catar os produtos Tradicionais de Galicia e Norte de Portugal presentes na feira con viños de Valdeorras de godello, mencía ou garnacha. Tamén se cataron aceites, licores e vermut.
Outra actividade complementaria da feira que tivo gran acollida foi o Obradoiro gratuíto de pirograbado en madeira que levaron a cabo os artesáns de Galicia de Artesanía Enxebre, e ao que acudiron case unha trintena de persoas durante a feira, entre nenos e adultos, e que tiveron un primeiro contacto con esta técnica e realizaron a súa propia peza para levar para casa.
Os produtores agradeceron encarecidamente ás entidades organizadoras, o concello do Barco e o Eixo Atlántico, a súa boa labor na organización da feira e amosáronse encantados de participar nas feiras que se organizan desde os concellos do Eixo Atlántico. Tamén amosaron o seu interese en que outros concellos galegos que pertencen ao Eixo acollan a feira, e sobre todo, en que se leve a cabo unha edición da mesma nalgunha cidade portuguesa para que os produtores galegos teñan tamén a oportunidade de visitar o país luso cos seus produtos.