
O Eixo Atlántico promoveu, en Viana do Castelo un encontro institucional entre o alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o rexedor da cidade portuguesa, Luís Nobre, tamén presidente do Eixo Atlántico. A reunión, que contou coa presenza do secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, serviu para afondar nunha estratexia conxunta de cooperación entre ambas cidades irmandadas desde 1990, cunha atención especial ao patrimonio cultural compartido e aos retos de mobilidade que suporá a chegada do AVE.
O secretario xeral do Eixo Atlántico destacou que o sucesor de Paula Alvarellos ―alcaldesa de Lugo e vicepresidenta da Mesa do Eixo, falecida o pasado mes de febreiro― “fixo cuestión de que a súa primeira visita oficial fose a Viana do Castelo”, salientando que Lugo e Viana “están nun proceso de transformación importante polo impacto do tren de alta velocidade”. Vázquez Mao sinalou que “é fundamental que dúas cidades que se verán afectadas por esta dinámica establezan desde xa unha colaboración preventiva, orientada a garantir que a chegada do AVE sexa unha oportunidade en termos de mobilidade e turismo sostible, e non unha ameaza”.
Na súa intervención, Miguel Fernández subliñou que Lugo e Viana “non son só dúas cidades irmandadas desde hai máis de tres décadas, senón dous pobos que medramos máis unidos cada día”. Destacou tamén que ambas comparten “raíces comúns, a pegada castrexa, a herdanza romana e un modelo de cidade ecolóxica, sostible e acolledora”, comprometéndose a promover proxectos que impliquen especialmente ás novas xeracións.
Pola súa parte, Luís Nobre recordou que “30 anos de irmandade é unha lonxevidade moi significativa” e que chegou o momento de dar “nova densidade” á relación. O alcalde de Viana anunciou a vontade de abrir a colaboración a novos ámbitos, como a economía, a innovación e a mobilidade sostible, sen esquecer o traballo xa desenvolvido conxuntamente no eido cultural. Ademais, puxo en valor “o traballo extraordinario de Lugo na dimensión social”, con proxectos exemplares que poden inspirar a outras cidades do Eixo Atlántico.
A visita incluíu tamén un percorrido polo centro histórico de Viana, onde se presentaron proxectos emblemáticos como a rehabilitación do antigo mercado, a praza do Eixo Atlántico e a Biblioteca Municipal, obra de Álvaro Siza.