Lugo acollerá no verán de 2017 a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico, que reunirán na cidade a unhas 5.000 persoas
A Alcaldesa puxo en valor o significado de acoller este evento trasfronteirizo, que supón un importante empuxón “cara á promoción da cidade, a procura de cohesión territorial e a dinamización da zona máis interior da Eurorrexión”
Lugo acollerá no verán de 2017, concretamente en xullo, a duodécima edición dos Xogos do Eixo Atlántico Noroeste Peninsular, que reunirá na cidade a unhas 5.000 persoas. Así o anunciou este xoves a Alcaldesa, Lara Méndez, tras participar na comisión executiva do Eixo Atlántico, que se reuniu hoxe na localidade lusa de Viana do Castelo.
A rexedora anunciou que a candidatura da provincia luguesa, liderada por Lugo e de fórmana parte os concellos de Sarria e Monforte, gañou entre un total de 5 propostas, co apoio maioritario dos membros da comisión. Trátase dun evento que está dirixido á promoción do deporte e a convivencia entre os máis novos, debido a que reúne a mozos deportistas de máis de 30 localidades de Galicia e do Norte de Portugal, para disputar campionatos de fútbol, balonmán, baloncesto, voleibol, ximnasia rítmica, atletismo e atletismo adaptado, e *natación e natación adaptada, ao mesmo tempo que se mellora o coñecemento entre os cidadáns das dúas rexións.
Para a Alcaldesa acoller este evento trasfronteirizo supón un importante empuxón para Lugo “para a promoción da nosa cidade, a procura de cohesión territorial e a dinamización da zona interior da Eurorrexión”.
“Lugo é sen ningunha dúbida unha cidade envorcada co deporte e cos valores que inculca a súa práctica, unha cidade que apoia o deporte de *elite, pero que tamén coida o deporte de base”, subliñou a rexedora, quen fixo fincapé no deporte como unha ferramenta de cohesión social. “Confío nos recursos da cidade para acoller os Xogos do Eixo e para garantir a atención deportiva merecida aos 2.000 participantes, o que contribuirá notablemente á proxección nacional e internacional que quero e busco para a cidade", asegurou a Alcaldesa.