No acto de clausura rendeuse homenaxe ao compositor Eurico Carapatoso
A Mostra Musical celebrada durante todo o fin de semana no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, na que participaron uns douscentos músicos novos de 19 cidades de Galicia e norte de Portugal foi clausurada onte á tarde co veredicto do xurado e a entrega de premios. Os galardóns foron practicamente acaparados polos intérpretes lusos, aínda que entre os gañadores tamén houbo dous galegos.
Na categoría solistas grupo Á gañadora foi Noreia Hermida Pérez, de Ferrol; aínda que o xurado tamén acordou entregar dúas mencións de honra a Máximo Klyetsun, de Braga, e Sofía Carvalho de Vila Nova de Gaia.
Na categoría de solistas grupo B a gañadora foi María Francisca de Portugal Silveira Ribeiro Ferreira, do municipio de Penafiel. O xurado acordou entregar tamén unha mención de honra a Lucas López López do Concello de Monforte de Lemos.
Na categoría de solistas C o premio foi ex aequo para Diogo Alexandre Taveira Silva e Patrick Gabriel de Oliveira, ambos os do municipio de Mirandela.
Os portugueses acapararon todos os premios da categoría de agrupacións. Na de cámara gañou o quinteto "Sopros" e houbo mención de honra do xurado para o Quinteto de Metais, ambos da Academia de Artes de Chaves.
Brass Band Esproarte, de Mirandela foi a agrupación gañadora na sección de maiores, que tamén contou cunha mención honorífica do xurado para a Orquestra de Sopros do conservatorio de Música de Barcelos.
O acto de clausura
O xurado avaliou os participantes durante a mañá de onte, pero o seu fallo non se deu a coñecer até o cinco da tarde; hora en que comezou o acto de clausura da Mostra Musical.
O alcalde, Alberto Varela, abriu este acto para agradecer a participación dos músicos e felicitar aos gañadores e a continuación comezou a homenaxe ao compositor luso Eurico Carapatoso, coa proxección dun vídeo sobre a súa traxectoria profesional e a actuación dun cuarteto de Mirandela. A homenaxe pechouse coa entrega dunha escultura e un ramo de flores ao artista homenaxeado.
Posteriormente procedeuse á entrega de premios aos intérpretes gañadores.

Imaxen: Homenaxe ao compositor luso Eurico Carapatoso