
As cidades do Eixo Atlántico reuníronse, en Santiago de Compostela, para avaliar a oportunidade de lanzarse á procura de fondos comunitarios de investigación e innovación no marco do programa europeo Horizonte 2020
Con case 80.000 millóns de euros, Horizonte 2020 é o programa europeo con maior dotación económica durante o período 2014-2020. Oriéntase a promover a investigación e a innovación en Europa e, tradicionalmente, as cidades en xeral e as do Eixo en particular, non son moi activas nel. Neste contexto, nun momento no que a innovación está no corazón de todas as prioridades de crecemento e que os fondos de cooperación son unha senda dabondo coñecida por todos os axentes do terreo, o Eixo Atlántico quere abrir novas oportunidades de financiamento para colocar ás súas cidades na cabeceira da innovación na Eurorrexión.
Baixo este espírito, na reunión promovida polo Eixo Atlántico as cidades interesadas tiveron a oportunidade de coñecer as prioridades de traballo previstas para as próximas convocatorias de proxectos e debater, entre elas e con expertos tecnólogos, diferentes ideas de proxectos que poderían promoverse desde as cidades do Eixo Atlántico.
Deste xeito, nos próximos días definiranse grupos de traballo temáticos que se orientarán a traballar en diferentes áreas de interese para as cidades, de maneira que se preparen candidaturas sólidas e excelentes que estean en condicións de competir na próxima convocatoria de proxectos en pé de igualdade coas promovidas por outros axentes da innovación.
Comeza así o camiño cara a unhas cidades máis intelixentes e innovadoras, ao servizo dos seus cidadáns.
Descargue a presentación