A reivindicación do interior da eurorrexión, a crise demográfica e a mellora de infraestruturas e investimentos eixos da Asemblea Xeral
O reforzo do interior, a crise demográfica e o plan de acción da Axenda Urbana foron os eixos centrais da asemblea Xeral, celebrada no Barco de Valdeorras
O Barco de Valdeorras foi o anfitrión da XXVII Asemblea Xeral do Eixo Atlántico que reunión a alcaldes e concelleiros dos 34 municipios, galegos e portugueses que a integran. A decisión de celebrala alí foi a de apoiar o eixo interior de Galicia e do Norte de Portugal, cunha grave crise demográfica e unha das máis necesitadas de infraestruturas e investimentos.
A Asemblea Xeral aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para o presente exercicio. O Eixo Atlántico inicia unha liña de traballo centrada ao redor da crise demográfica do interior da eurorrexión que afecta, principalmente a Galicia e que representa un menor peso político nas decisións ao contar con menor representación en número de deputados por unha menor poboación.
Neste sentido, o Eixo Atlántico está a deseñar unha estratexia con solucións que serán remitidas aos gobernos de España E Portugal, que poidan viabilizarse con fondos europeos no período 2021-2027 e que integre as infraestruturas e investimentos necesarios para o eixo interior.
Así mesmo aprobouse o Plan de Acción da Axenda Urbana, que foi traballado ao longo dun ano e que a partir deste momento os concellos desenvolverán segundo as necesidades e tipoloxías de cada un. A Axenda Urbana do Eixo Atlántico foi recoñecida pola Comisión Europea como a primeira Axenda Urbana transfronteiriza de Europa.
Finalmente abordouse a situación das infraestruturas e as expectativas tanto en Portugal, onde as propostas do Eixo Atlántico xa está todas en marcha ou foron incluídas dentro do Plan Nacional de Investimentos, como España onde o Eixo Atlántico está á expectativa dos resultados electorais aínda que o nivel de diálogo cos partidos políticos maioritarios permite ter a convicción de que as obras propostas, desenvolveranse segundo o previsto.
A Asemblea Xeral do Eixo Atlántico manifestou a súa satisfacción non só polo feito de que o ministro de Fomento, José Luís Ábalos presente o Plano Director do Corredor Atlántico, senón polos consensos que o Corredor está a suscitar nos últimos tempos, ao incorporarse sectores e administracións que non estaban no seu inicio, pero aos que se lle dá a benvida.
O Corredor Atlantico é fundamental para Galicia e especialmente para os portos galegos e para o interior da eurorrexión.
O Eixo Atlántico ratificou a súa posición de que Galicia só debe ter un único corredor que unha Ourense, Monforte de Lemos e O Barco de Valdeorras xa que ter máis dun, debilitaría a masa crítica necesaria para a súa viabilidade.