A operadora da rede ferroviaria de Portugal reuniuse en Lisboa, con o Eixo Atlántico, pola liña do Miño

“É a primeira vez que, nos 4 anos que levamos reuníndonos con REFER e con Comboios de Portugal por liña do Miño que vemos indicios e vontade política de acometer a modernización con carácter inmediato, manifiestan
O alcalde de Viana do Castelo, José Maria Costa e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoan Vázquez Mao, reuníronse esta tarde en Lisboa, por espazo de dúas horas, co Presidente de Infraestruturas de Portugal, IP, antiga REFER (equivalente ao ADIF español), Antonio Ramalho, para falar sobre a liña do Miño
Esta reunión produciuse a raíz do anuncio feito público a semana pasada por Infraestruturas de Portugal sobre a apertura dos concursos para a modernización da liña do Miño, así como das declaracións da ministra de Fomento española, Ana Pastor, sobre a firma dun acordo con Portugal, que se pechará no próximo Cume Ibérico, prevista para finais do mes de xuño, no mesmo sentido.
A esta reunión tamén estaba prevista a presenza do alcalde de Braga e vicepresidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio, que finalmente non puido asistir xa que esta mesma mañá recibiu a visita oficial á súa cidade dunha ministra do goberno de Portugal.
A reunión, cualificada como moi satisfactoria, pragmática e útil polo alcalde de Viana do Castelo, centrouse na análise da estratexia ferroviaria para a comunicación entre Porto e Vigo, así como dos detalles do proceso dos concursos previstos e os prazos para o inicio das obras
O presidente de IP confirmou que o proceso xa estaba en marcha e que o primeiro paso será o acordo que se asine no Cume Ibérico para iniciar todos os procesos.
Antonio Ramalho tamén informou á delegación do Eixo Atlántico que os servizos técnicos do ente público portugués estaban a preparar un documento que terían finalizado a próxima semana no que se concretaban todos os aspectos necesarios para o desenvolvemento da modernización:
• Contido do proceso de modernización
• Calendario
• Financiamento
• E número de concursos nos que se dividirán para un mellor aproveitamento dos prazos
Igualmente confirmoulles que aínda que o escenario que sempre se manexou era só a electrificación da liña, deixando outras melloras para fases posteriores, no documento que preparan os servizos técnicos contémplanse xa algunhas melloras importantes, non previstas, como a eliminación de pasos a nivel, reforzo de noiros e reforzo dos túneles.
Por último manifestoulle ao Eixo Atlántico que unha vez que o documento estea concluído polos servizos técnicos, remitirao ao Eixo Atlántico, antes de iniciar o proceso de apertura dos concursos, para que poidan facer suxestións e propostas ao mesmo, especialmente no referente ao establecemento de prioridades e establecer uns prazos de execución, o máis consensuados posibles.
O Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, manifestou que “é a primeira vez que, nos 4 anos que levamos reuníndonos con REFER e con Comboios de Portugal por liña do Miño que vemos indicios e vontade política de acometer a modernización con carácter inmediato e a primeira vez que unha entidade se compromete a presentarnos, no prazo de dez días, un documento técnico con toda a programación e financiamento para a sucesiva apertura dos concursos que, en todo caso, os trámites legais sitúan no último trimestre deste ano”.