Skip to main content

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aproba a ampliación da entidade coa incorporación de novas cidades

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico aproba a ampliación da entidade coa incorporación de novas cidades
Aborda para 2015 a elaboración da Axenda Urbana, un documento de referencia para deseñar as políticas das cidades na próxima década

A Comisión Executiva do Eixo Atlántico, reunida en Bragança, acordou levar á próxima Asemblea Xeral, a celebrar a comezos do próximo ano, a ampliación da entidade transfronteiriza, que pasará de 34 a 38 entidades municipais. O Presidente da entidade, o alcalde da Coruña, Carlos Negreira, valorou o seu primeiro ano á fronte da entidade como un éxito, tanto na participación cidadá nas actividades desenvolvidas, como na percepción do Eixo Atlántico por parte da cidadanía. Foi o caso da Capital dá Cultura en Ourense, da Mostra Musical de Xóvenes Intérpretes (en Vilagarcía de Arousa), a Bienal de Pintura ou da Mostra de Turismo de Cidades do Eixo Atlántico,Expocidades, celebrada en Pontevedra o pasado mes de xullo e que contou con 10.000 visitantes en 3 días.


Negreira lembrou que definitivamente se solucionou a interoperatividade dos sistemas de pago das autoestradas e autovías, que desbloquearon o problema de mobilidade na Eurorrexión, como no tema da conexión ferroviaria entre Porto e Vigo, que ao introducir este ano as paradas intermedias, supuxo un gran éxito, dándose o caso de que durante o mes de agosto o tren circulaba totalmente encho diariamente, sendo mesmo imposible adquirir billetes por internet.


O resultado disto é que o Eixo Atlántico nun momento de crise, cando moitas cidades ven obrigadas a abandonar as organizacións ás que pertencen, seguiu crecendo pasando a ser a partir do 1 de xaneiro do ano 2015, coa entrada dos novos membros, 38 socios.


Por iso o ano que vén, ano de presentación de candidaturas aos novos fondos, debemos de acometer, afirmou Negreira, unha das apostas máis necesarias e ambiciosas, tanto a nivel local como a nivel da Eurorrexión: A Axenda Urbana. “Debemos coordinar o proceso de elaboración da nosa Axenda Urbana cos procesos nacionais e europeo, que previsiblemente se iniciarán nun caso coa nova Comisión Europea e nos casos nacionais nas novas lexislaturas que se inician en 2015”.


Para o Presidente do Eixo Atlántico, a Axenda Urbana debe de ser un documento de referencia para deseñar as políticas da próxima década, é dicir, as políticas post crises; políticas que xa nunca poderán ser iguais, porque nada será igual despois desta crise. Estas políticas son tan relevantes para nós como definir o modelo da nova administración local, os novos modelos territoriais e por suposto os novos modelos de financiamento das autoridades locais, sen o cal todo o demais sería papel mollado.


Outro aspecto fundamental que nos incumbe a todos, sinalou, “é a creación de emprego, auténtica emerxencia nacional en ambos os países e moi especialmente na nosa Eurorrexión. A identificación de novas fórmulas de traballo, de novos modelos laborais ou o impulso do emprendimento como unha forma de corresponsabilidade social na creación de emprego, é un debate que non pode ser aprazado”. Este debate, dixo, vai intimamente ligado a outro dos problemas máis graves que temos, que é a crise demográfica e a procura de solucións en base á principal ferramenta que temos: a innovación, que no caso das cidades baséase nas políticas Smart.


Finalmente, Carlos Negreira destacou que o feito de que esta reunión sexa en Bragança (Portugal) é un respaldo político á cohesión costa/interior e no caso concreto de Bragança á conexión viaria entre Bragança e Puebla de Sanabria que permitirá aos cidadáns de Tras ós Montes servirse da AVE/TGV galego e dotalo de maior masa crítica.