Será a cuarta edición deste evento que ao longo de seis meses ofrecerá unha programación cultural extensa e variada, dirixida a todos os públicos
Os alcaldes de Matosinhos, Guilherme Pinto e de Vila Real, Rui Santos, xunto ao presidente do*Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio e do secretario Xeral da entidade, Xoan Mao, presentaron en Braga, a Capital da Cultura do Eixo Atlántico que por primeira vez celebrarase en dúas cidades: Matosinhos e Vila Real, baixo a lema “Do Douro ao Atlântico”.
O alcalde de Matosinhos, Guilherme Pinto, sinalou que a Capital da Cultura polo que respecta á súa cidade terá atribuídas tres dimensións: A urbana, coa creación de novas infraestruturas para a cidade, que permanezan no tempo, coa inauguración de varios museos e prazas públicas. Unha dimensión estrutural que suporá unha revolución no modelo de cidade e unha dimensión destinada ao lecer con grandes eventos culturais
Pola súa banda, o alcalde de Vila Real, Rui Santos falou da dimensión inmaterial dos actos que organizarán os próximos 6 meses dentro da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Afirmou que estes eventos serán un brinde pola nosa cultura e unha mestura interesante entre artistas consagrados e noveis que terán o seu espazo de reivindicación da cultura da eurorrexión sen esquecer a súa vertente gastronómica e turística
Para o Presidente do Eixo Atlántico, Ricardo Rio a Capital da Cultura é unha forma extraordinaria unirse e valorizar o noso territorio e a inmensa riqueza e singularidade da cultura da eurorrexión
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoan Mao destacou que a Capital da Cultura pon en valor a riqueza da eurorrexión á vez que reclamou que a Cultura é motor de riqueza, diversidade, innovación e creación de emprego, ademais de servir a divulgar os aspectos singulares da cultura das cidades do Eixo Atlántico e fomentar os intercambios entre as mesmas.
Cada dous anos
A Capital da Cultura do Eixo Atlántico celébrase cada dous anos e nesta ocasión chega á súa cuarta edición. A Capital creouse en 2007 co obxectivo de potenciar as expresións culturais das cidades da eurorrexión Galicia Norte de Portugal, consolidar os valores comúns e promover aos artistas galegos e portugueses nos distintos ámbitos culturais. Ademais, a Capital da Cultura do Eixo Atlántico pretende dar visibilidade aos artistas novos e emerxentes e ofrecerlles unha base desde a que dar a coñecer os seus traballos, en calquera expresión da cultura.
As cidades que acolleron con anterioridade a Capital da Cultura foron Vila Nova de Gaia (2009) Viana do Castelo (2011) e Ourense en 2014