Intercambios Escolares do Eixo Atlántico: Unha ponte de aprendizaxe entre Galicia e o Norte de Portugal

O primeiro intercambio desta edición celebrarase nos días 24 e 25 de marzo, coa viaxe de Vila Real a Santiago de Compostela
O Eixo Atlántico promove os intercambios escolares entre os concellos de Galicia e o Norte de Portugal, co obxectivo de dar a coñecer aos estudantes e profesores os seus concellos, os concellos que conforman o Eixo Atlántico e o propio Eixo Atlántico, así como o seu patrimonio (cultural, natural e inmaterial). Dirixido a alumnos de 5º e 6º de primaria, o programa busca transmitir ao alumnado o valor de formar un espazo eurorrexional único, así como a realización de experiencias didácticas que potencien o uso do concello como recurso educativo.
Este programa de intercambios é un paso importante para consolidar a cooperación educativa entre Galicia e o Norte de Portugal, impulsando a formación dun futuro máis conectado e colaborativo para as novas xeracións.
Nesta edición do ano lectivo 2024-2025, participan 11 concellos, 6 galegos e 5 portugueses. Guimarães fará intercambio con dous concellos de Galicia, Betanzos e Vilalba, adheridos este ano á asociación.
O primeiro intercambio desta edición celebrarase xa nos días 24 e 25 deste mes, coa viaxe de Vila Real a Santiago de Compostela, que levará 14 nenas e 6 nenos, do 6º B do Agrupamento de Escolas Morgado Mateus, acompañados por dous profesores e a Técnica Municipal de Educación.
En Santiago de Compostela o grupo de estudantes de Vila Real coñecerá a cidade, a famosa Catedral e serán peregrinos por un día. Ademais, non faltarán clases de cociña, xogos e varias actividades lúdico-didácticas.
Nos días 2, 3 e 4 de abril, Braga desprazarase ata A Coruña. Próximamente, darase a coñecer a información sobre os próximos intercambios, protagonizados por Ribeira, que visitará e recibirá a Felgueiras, e tamén por Santa Maria da Feira, que fará intercambio co Barco de Valdeorras.