O fomento das áreas funcionais das cidades do século XXI é unha das liñas de traballo principais do Eixo Atlántico. As entidades xeográficas que se constitúen dun ou máis municipios contiguos e relaciónanse socioeconómicamente entre elas teñen as súas particularidades segundo a comunidade, rexión ou país ás que pertencen.
25 de marzo de 2021. As áreas funcionais dentro do Eixo Atlántico son especialmente singulares. Galicia conta con 30.000 entidades de poboación, a metade das 60.0000 entidades que existen en España, polo que falar dun concepto urbano único en Galicia e a rexión Norte de Portugal cando existe unha poboación tan diseminada é unha labor moi complexa. O profesor e experto en ordenación do territorio, Gonzalo Méndez, puxo o foco na necesidade de innovar nas metodoloxías europeas para axudar ao desenvolvemento das áreas funcionais de toda a Eurorrexión, tendo moi presente as particularidades de relacións que se forman entre cidades, pobos e concellos lindeiros.
As políticas territoriais europeas contan con dúas grandes liñas de actuación para promover e fomentar unha dimensión territorial europea no desenvolvemento e a cooperación territorial ao proporcionar datos e permitir a transferencia de coñecemento e a aprendizaxe das políticas públicas: o programa ESPON ( European Observation Network for Territorial Development and Cohesion), que busca identificar as áreas urbanas da Unión Europea para mellorar a aplicación dos programas de investimento dos fondos estruturais europeos e as accións marcadas desde a Dirección Xeral REXIO da Comisión Europea, responsable da política europea aplicable ás rexións e cidades, conformada por 700 profesionais que buscan liñas de investimentos que propicien o crecemento e a creación de emprego. “A Unión Europea á hora de enfrontarse á repartición de fondos comunitarios e axudas, necesita coñecer cal é a realidade das súas áreas funcionais, e unificar a diversidade en Europa cuns modelos que poidan funcionar en calquera rexión á vez”, explica Méndez.
Ambas as liñas de actuación buscan identificar áreas funcionais para repartir recursos e resolver problemas, para mellorar a economía e a calidade de vida de todas as persoas que as habitan. Un dos principais retos para o desenvolvemento destas áreas, é definir o concepto de núcleo urbano. “Segundo ESPON, os núcleos de máis de 20.000 habitantes poden ser calificados como áreas urbanas, podendo utilizar varios mecanismos para agrupar a varios concellos. É unha metodoloxía flexible, pero non chega a recoller a realidade urbana, xa que existen pequenos concellos moi compactos que son claramente urbanos e non chegan a 20.000 habitantes”, engade o experto. “Por outra banda, a Dirección Xeral Rexio divide o territorio europeo en cuadrículas dun quilómetro cadrado, agrupando aquelas que se relacionan. Se suman máis de 50.000 habitantes, considerarase unha área urbana funcional, un requisito que en Galicia só cumpren A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol. Outros importantes núcleos urbanos como Monforte, Vilagarcía de Arousa ou O Barco de Valdeorras non se inclúen nesta definición”, explica Méndez.
O modelo cara ao que se debería traballar no futuro, segundo o profesor Gonzalo Méndez, é contar co recoñecemento de áreas funcionais transfronteirizas, que sexan recoñecidas pola organización das súas necesidades básicas: servizos educativos, sanitarios e sociais. “É imprescindible falar de flexibilidade dentro das tendencias globais no proceso urbanizador. En territorios tan diseminados como os núcleos que abarca o Eixo Atlántico, é necesario contar con máis de 7 grandes áreas urbanas en Galicia e 10 en Portugal. Téñense que incluír nesa categoría núcleos máis pequenos, que están a cumprir unha función moi importante no desenvolvemento das cidades do século XXI”, opina o profesor.
A distribución das áreas funcionais en Galicia e a rexión Norte de Portugal é similar. Existe unha concentración de poboación no litoral e nos núcleos urbanos que se iniciou hai varias décadas e séguese mantendo a día de hoxe. En Galicia hai unha maior densidade demográfica e urbanización do territorio distribuída en dúas grandes áreas: as Rías Baixas e as mariñas coruñesas, con importantes núcleos urbanos de interior, como Lugo ou Santiago de Compostela.