Inaugurada Expocidades, feira de turismo do Eixo Atlántico, coa presenza de dous secretarios de Estado de Portugal
As 30 casetas das cidades do Eixo Atlántico poderanse visitar até o 10 de setembro en Valongo. Consulte aquí a programación de degustacións e animacións
Nuno Fazenda, Secretário de Estado do Turismo, Comércio e Serviços, e Isabel Ferreira, Secretária de Estado de Desenvolvemento Rexional, xunto con Lara Méndez, presidenta do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico e José Manuel Ribeiro, alcalde de Valongo, inauguraron a VII edición de Expocidades na cidade de Valongo (área metropolitana de Porto).
Expocidades, Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico é unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico. Busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores. Esta feira de turismo celébrase desde 2013, tan só interrompida polos dous anos de pandemia.
Até o 10 de setembro os visitantes poderán coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, así como os seus produtos gastronómicos co obxecto de identificar posibles destinos de proximidade que visitar en calquera dos 52 fins de semana do ano. Cos 30 expositores que acoden este ano, cubrindo así a totalidade do territorio da Eurorrexión, preténdese impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.
Nesta edición, por primeira vez, Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promociónanse espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.
Igualmente, nesta ocasión, a feira de turismo celébrase conxuntamente con Expoval - Mostra do Concelho de Valongo que, na súa 15ª edición e baixo o tema “Valongo, Serras do Porto”, pretende promover un novo concepto de emprendemento e de afirmación territorial.
Novos modelos de turismo
No ámbito do turismo, un dos motores económicos do Eixo Atlántico está a traballar na identificación e desenvolvemento de tres novos conceptos turísticos tras o éxito do concepto de turismo de fronteira e o seu slogan “2 países, 1 destino”, impulsado polo Eixo Atlántico fai máis dunha década. está a desenvolver actualmente tres novos conceptos. Os novos conceptos nos que se está traballando para promover, á súa vez, novos modelos son: turismo de autor, policéntrico e a incorporación transversal dun concepto xa existente pero insuficientemente implantado que é o turismo accesible.
Sobre estes conceptos, precisamente, o secretario xeral do Eixo Atlántico manterá a semana próxima unha reunión en Bruxelas coa responsables da área de Turismo da Comisión Europea que mostraron o seu interese nestes conceptos desenvoltos.