
Intervención do Alcalde de Viana do Castelo na inauguración do Foro Marítimo
Gustaríame dar as boas vindas a todos os participantes do - III Foro Marítimo do Eixo Atlántico - A maritimidade, unha abordaxe territorial, que se realiza na cidade de Viana do Castelo.
Esta cidade mariñeira ten unha tradición de recibir ben, de acoller novas ideas, e de compartir proxectos.
O Foro Marítimo do Eixo Atlántico é punto de encontro, reflexión e debate do posicionamento estratéxico de face aos novos desafíos do mar nas cidades portuarias desta eurorrexión.
A participación de empresarios, dirixentes políticos e sociedade civil, na procura de solucións e iniciativas cremos que van contribuír ao enriquecemento da reflexión, das propostas e proxectos a desenvolver.
Este Foro conta cun conxunto de participantes e oradores que, estamos convencidos, contribuirá a un mellor coñecemento da nosa realidade marítima, consolidará seguramente algúns posicionamentos territoriais das cidades do eixo atlántico e contribuirá a un mellor diálogo e cooperación entre as institucións.
Esta III Edición abordará o tema “A maritimidade, Unha abordaxe territorial” e pretende abordar a estratexia Marítima como elemento fundamental do desenvolvemento da fachada ibérica, así como, as oportunidades e os desafíos das relacións das rexións transatlánticas.
Algunhas das nosas cidades do Eixo Atlántico están conectadas ao mar e ás súas actividades, podendo xogar nun futuro próximo un papel aínda máis importante nos dominios portuarios, loxísticos e empresariais, apoiando e estimulando desta forma ás cidades do interior da eurorrexión, contribuíndo á cohesión territorial.
Considerando o carácter periférico da Península Ibérica, o III Foro Marítimo do Eixo Atlántico constitúe unha oportunidade para que todos os actores discutan e adopten un papel activo na definición dunha estratexia que permita incrementar a competitividade económica desta rexión.
Por estas razóns a temática das relacións transatlánticas e a cooperación cos países de América, en especial con Latinoamérica, son moi relevantes, pois máis aló das excelentes relacións culturais e de amizade, temos aínda un enorme percorrido que realizar na cooperación económica, con vantaxes mutuas.
Recentemente recibimos nesta sala e neste municipio unha delegación dos Embaixadores de Latinoamérica que están en Portugal, onde tivemos a oportunidade de falarlles das nosas capacidades e potencialidades, nos diversos dominios desde a cultura, pasando polo turismo, até ao sector empresarial.
Este é un ámbito no que deben apostar e incentivar as nosas cidades, promovendo a creación de foros conxuntos e misións empresariais conxuntas.
A competitividade e a innovación tamén neste ámbito marítimo imponse, non só a través do coñecemento xa presente, senón impulsando unha rede de cooperación entre universidades e institutos a través do Campus do Mar.
A nosa comunidade científica tamén está convocada para este proceso colaborativo no desenvolvemento das cidades e as rexións. Temos neste espazo territorial do Norte de Portugal e de Galicia grandes centros de investigación e moitos investigadores que poderán apoiar un maior coñecemento das nosas costas e os nosos mares, para influír tamén na transferencia de tecnoloxía para estas actividades, modernizándoas, facéndoas máis sustentables e competitivas.
O Eixo Atlántico asume outra vez un papel relevante na discusión das cuestións estratéxicas das cidades, proporcionando un excelente espazo para compartir coñecementos e experiencias, así como para perfeccionar o proxecto transfronteirizo.
Desexo un bo traballo para todos, agradecendo a súa presenza a todos os que viñeron compartir o seu coñecemento e experiencia coas cidades do Eixo Atlántico.
José Maria Costa, Alcalde de Viana do Castelo