Skip to main content

Guimarães será a IX Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2027

Guimarães será a IX Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2027

O Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico aprobou a candidatura de Guimarães para acoller a IX Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que terá lugar en 2027

A candidatura foi presentada pola concelleira Isabel Ferreira, quen destacou o papel estratéxico da cultura no desenvolvemento social e económico do territorio e defendeu a necesidade de impulsar unha visión cultural a longo prazo que combine a creación contemporánea, a valorización do patrimonio e a educación artística. Así mesmo, subliñou a importancia de fortalecer a cooperación entre as cidades que integran o Eixo Atlántico.

Durante a reunión tamén foi elixida como nova presidenta do Grupo Temático a concelleira de Cultura do Concello de Fafe, Paula Nogueira, que asumirá a coordinación dos traballos en materia educativa e cultural.

Entre os acordos acadados figura igualmente a creación do Secretariado Executivo de Cultura, un órgano técnico composto por arredor de oito especialistas que terá como misión asesorar e acompañar as distintas iniciativas culturais promovidas polo Eixo Atlántico, entre elas a Bienal de Pintura e a propia Capital da Cultura.

No ámbito educativo, o Grupo Temático aprobou ademais a candidatura de Peso da Régua para acoller o Seminario de Intercambio de Experiencias en Educación, previsto para abril de 2027. O municipio considera que a educación constitúe unha ferramenta fundamental para o futuro e entende que a celebración deste encontro contribuirá a reforzar a cooperación e o intercambio de boas prácticas entre as cidades do Eixo Atlántico, así como a impulsar solucións conxuntas en materia educativa.

Por último, durante a reunión acordouse abrir en outubro o prazo de inscrición para os Intercambios Escolares do Eixo Atlántico correspondentes ao curso 2026-2027.