Skip to main content

Gaia acolleu Seminario de experiencias en sustentabilidade

Gaia acolleu Seminario de experiencias en sustentabilidade

Vila Nova de Gaia foi o escenario, o pasado 7 de xuño do I Seminario de Experiencias no ámbito da sustentabilidade no que se presentaron algunhas das iniciativas que están en marcha nas cidades do Eixo Atlántico. Foron 10 as experiencias presentadas, 2 en cidades de Galicia e 8 en cidades de Portugal. Esta é a síntese das presentacións que poden ser descargadas nesta ligazón.

CORUÑA:
Un Sistema de Información Ambiental do Municipio de Coruña, informa os seus cidadáns en tempo real e dunha forma rápida e visual, da calidade do aire, ruído ambiental, emisións radioeléctricas e mapa lumínico.

GUIMARÃES:
A planificación a longo prazo de accións concretas permite alcanzar as metas desexadas. O municipio de Guimarães organizouse de forma exemplar para preparar a candidatura da cidade a Capital Verde Europea.

MAIA:
O municipio de Maia conseguiu desmitificar que a xestión de RSU (Residuos Sólidos Urbanos) non ten que ser necesariamente cara e que a información é esencial no momento de tomar decisións. Destacar que o municipio de Maia, en 2015, xa pasara as metas propostas pola Lipor para 2020, tanto na recollida selectiva como na preparación para reutilización e reciclaxe.

MATOSINHOS:
A través da modernización das redes de iluminación pública o municipio de Matosinhos pretende reducir o consumo de enerxía eléctrica e das emisións de CO2 e consecuentemente reducir os custos de enerxía.

BRAGA:
A través do Proxecto Ríos, o municipio de Braga conseguiu caracterizar o estado da calidade da auga, dos ecosistemas ribeiregos a través da implicación da poboación local e sensibilización da mesma ante os problemas actuais dos ríos.

SANTA MARIA DA FEIRA:
Aínda que o proxecto aínda estea en fase inicial, o municipio de Santa Maria da Feira presentou, de forma pormenorizada, todo o proceso que lles está permitindo pór en marcha o proxecto piloto de Recollida selectiva porta a porta.

SANTIAGO DE COMPOSTELA:
O proxecto de Santiago demostra que se pode potenciar a recollida selectiva a través dun sistema de incentivos simples, intercambiando o material a reciclar por puntos que dan premios.

VIANA DO CASTELO:
O Sistema Intelixente de Xestión de auga do municipio de Viana do Castelo ten incontables vantaxes, tanto para os clientes, como para a entidade xestora. Este sistema permitiu establecer para os clientes patróns de consumo, periodicidade fixa de lectura, resolución simplificada das reclamacións e melloría da calidade do servizo. Á entidade xestora permitiulle ter coñecemento do balance hídrico diario, analizar os patróns de consumo, un control activo de perdas, xestión do parque de contadores e a xestión de alarmas.

VILA NOVA DE GAIA:
A desmaterialización de só un dos moitos servizos municipais, como os procesos de obras particulares, permitiu ao municipio de Vila Nova de Gaia unha drástica diminución na utilización de papel e nos custos con impresión, aumentando a rapidez interna na tramitación de solicitudes e os horarios no envío de solicitudes dixitais, evitar desprazamentos, diminuír o tempo na consulta de procesos e permitir o acceso simultáneo de diferentes servizos aos procesos. Con este proxecto, fixo este servizo rápido, simple, eficiente e económico.

VILA REAL:
Co proxecto Biodiversidade, o municipio de Vila Real conseguiu monitorizar os seus valores naturais, aplicar medidas de xestión e conservación da biodiversidade, sensibilizar e envolver a sociedade civil e fomentar actividades económicas baseadas nos valores da preservación da biodiversidade.