Skip to main content

Fomento comunicará ao Eixo en xaneiro a data de exposición pública do estudo informativo da saída sur de Vigo

Fomento comunicará ao Eixo en xaneiro a data de exposición pública do estudo informativo da saída sur de Vigo

O presidente, o secretario xeral do Eixo Atlántico e o alcalde de Monforte mantiveron unha reunión co secretario xeral de Infraestruturas

O presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García, xunto co secretario xeral do Eixo e o alcalde de Monforte, José Tome, mantiveron onte por espazo de dúas horas unha reunión no Ministerio de Fomento co secretario xeral de infraestruturas, José Javier Izquierdo Roncero, na que abordaron os catro temas galegos defendidos polo Eixo Atlántico e que están pendentes de execución: a saída sur de Vigo, o Corredor do Atlántico, a modernización da liña férrea Lugo-Ourense e a autovía A-76 Ponferrada- O Barco-Monforte- Ourense.

A reunión, que Vázquez Mao cualificou de “agridoce e por debaixo das  expectativas”, tivo a súa parte positiva no corredor do Atlántico e a A-76.

Polo que respecta ao corredor, sobre o que o Eixo vén alertando da necesidade de que os estudos estean listos en 2021, cando se liberen os fondos europeos do próximo período de programación para pedilos rapidamente, o secretario xeral de infraestruturas informoulles de que Adif está traballando no plan director de renovación e modernización do corredor noroeste, que será presentando polo ministro previsiblemente antes de que finalice xaneiro.

Segundo os datos do propio ministerio que manexa o Eixo Atlántico, este plan incluirá proxectos de plataforma, renovación de vía e electrificación. Con respecto a este último aspecto, no seu momento informouse de que aínda que os proxectos de electrificación están a realizarse a 3.000 V. o obxectivo é o de homoxeneizar a rede galega evolucionando a 25.000 V.

Reforzo para o interior de Galicia

A outra noticia positiva foi a A-76, unha das principais reivindicacións polas que vén loitando tanto o alcalde de O Barco, Alfredo García, como o de Monforte, José Tome, e da que se aprobará en breve a licitación de novos tramos, o que supón un importantísimo reforzo para o interior de Galicia.

Tanto García como Tomé expuxéronlle ao secretario xeral alternativas na área de Monforte para mellorar e axilizar a conexión até Ourense e que non se vexa afectada pola previsible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da humanidade pola Unesco. Hai que sinalar que esta conexión constituirá a primeira autovía que vertebre o interior de Galicia xa que é a única zona, o eixo Lugo- Ourense, pola que en pleno S.XXI aínda non se pode circular por unha autovía.

A parte negativa da reunión, en opinión do secretario xeral do Eixo Atlántico, foi a modernización da liña ferroviaria Lugo-Ourense e a Saída Sur de Vigo.

Liña ferroviaria Lugo-Ourense

No caso da conexión Lugo-Ourense desde Adif está a traballarse na electrificación da liña, o que posibilitará unha mellora nas unidades que operen o servizo de media distancia entre ambas as capitais e o máis importante, que unha unidade do AVE que se separe en Ourense poida chegar até Lugo e poboacións intermedias sen que os pasaxeiros teñan que cambiar de tren. Con todo, non haberá unha mellora substancial dos tempos para que estos sexan competitivos ata que non se executen as variantes de Os Peares-Canabal e Monforte-Rubián.

Para que estas variantes poidan empezar a súa tramitación é imprescindible que a Secretaría Xeral de Infraestruturas, a través d a Subdirección xeral de Planificación Ferroviaria, saque a exposición pública o estudo informativo. O compromiso do anterior ministro, Íñigo de la Serna, co presidente Núñez Feijóo, establecía en outubro de 2018 o prazo no que se ía a someter o estudo a información Pública coas alternativas de trazado que contemplasen para culminar o proceso e poder iniciar as licitacións no verán de 2019.

Vázquez Mao transmitiulle ao secretario xeral de Infraestruturas a súa preocupación polo incumprimento dos prazos así como pola información que manexa de que non se estaba traballando neste expediente desde o cambio de Goberno. Roncero,  que obviamente rexeitou esta afirmación, transmitiulle que os prazos do goberno anterior eran irreais, o que en opinión de Vázquez Mao tampouco deixa en moi bo lugar ao presidente da Xunta e evidencia unha alarmante falta de peso político en Madrid, pero “en calquera caso as loitas políticas non deben afectar a compromisos institucionais entre o Goberno de España e a Comunidade Autónoma de Galicia”, indicou.

Ante a negativa reiterada do secretario xeral de Infraestruturas de dar unha data para a saída a exposición pública do estudo, Mao manifestoulle o agravio comparativo que supón que os proxectos de Galicia non teñan data, mentres o ministro comprométese publicamente cos proxectos do Mediterráneo, comunicándolle a súa intención de falar cos deputados galegos en Madrid de todas as forzas políticas para que fagan presión polo cumprimento dos compromisos institucionais.

Finalmente o secretario xeral de Infraestruturas comprometeuse a trasladarlle, antes de Nadal, a data na que o estudo sairía a información pública,  polo que o Eixo esperará até entón para manifestar a súa posición con respecto á mesma.

Saída Sur de Vigo

Con respecto á saída sur de Vigo o secretario xeral do Eixo Atlántico trasladoulle a declaración do Parlamento de Galicia na que se situaba por unanimidade a favor da devandita infraestrutura así como a comunicación da Comisión Europea na que informa da posibilidade de obter un financiamento do 50% para o tramo transfronteirizo sen necesidade de que figure no Corredor Atlántico. Isto situaría a obra nun custo estimado de 200 millóns, o que repartido nun prazo de 4-5 anos de execución, significaría un importe que o secretario xeral do Eixo Atlántico cualificou “de ridículo en termos de orzamento nacional de Fomento”.

O secretario xeral de Infraestruturas confirmou  tamén o interese de Portugal na obra e que esta fose analizada no contexto da pasada Cimeira Ibérica, a pesar do cal tampouco lle comunicou unha data para someter a Información Pública o estudo informativo.

Vázquez Mao quixo deixar claro que non estaba a pedir unha obra nova, senón reclamando unha que xa estaba aprobada e decidida e que o ministro Blanco no anterior executivo socialista recortou cando mandou retirar as tuneladoras ao chegar á altura de San Lorenzo na estación de Urzáiz en Vigo. A conversación saldouse co compromiso do secretario xeral de infraestruturas de que farán chegar unha data de exposición pública do estudo informativo antes de que acabase xaneiro.

Finalmente, Mao transmitiulle a súa decepción polo  feito de comprobar que as infraestruturas de Galicia non son prioritarias para o actual Goberno.