Finaliza a electrificación da liña Porto-Vigo, unha reivindicación histórica do Eixo Atlántico
A medida inclúese na reivindicación histórica do Eixo para conectar a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal pola vía férrea
26 de febreiro de 2021. A totalidade das probas necesarias para a posta en servizo da electrificación do tramo ferroviario Guillarei-Tui, na provincia de Pontevedra, incluíndo a circulación de trens electrificados en probas, vén de finalizar, tal como confirmou o Administrador de Infraestructuras Ferroviarias (Adif) ao Eixo Atlántico, unha medida que se inclúe na reivindicación histórica do Eixo para conectar a Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal pola vía férrea, e que agarda a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria para a súa posta en servizo. A esta culminación súmase a tamén recente finalización da electrificación do tramo portugués Viana do Castelo-Valença do Minho, que se atopa en período de probas e permitirá a posta en servizo deste tramo previsiblemente no mes de abril.
O Eixo Atlántico manifesta a súa satisfacción polos avances na conexión ferroviaria entre Galicia e Portugal, aínda que volve lembrar ao Goberno de España a necesidade de habilitar a saída sur ferroviaria coa tramitación do tramo Vigo-O Porriño para poder ter tempos competitivos na conexión ferroviara entre A Coruña e Lisboa. Para iso só é necesario licitar o estudo informativo previo, paso inicial obrigatorio para poñer en marcha todo o proceso de construción do novo tramo ata a fronteira que enlace co novo trazado Fronteira-Porto, que xa está tramitando o goberno portugués, e cuxa previsión é telo en funcionamento antes do 2030.
“Os avances na conexión ferroviaria entre Galicia e o Norte de Portugal, polos que o Eixo Atlántico vén traballando desde hai máis dunha década, son un éxito para a cidadanía. É unha boa nova, mais lamentamos a dilación en España para dar un impulso á saída sur de Vigo”, sinalou o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao.
O Eixo Atlántico, con 29 anos de existencia, é o sistema urbano transfronteirizo máis antigo de Europa. Coas novas incorporacións aprobadas este ano acada a cifra de 39 membros, cunha poboación de 7 millóns de habitantes entre a población directa e indirecta, sendo a terceira área urbana da Península Ibérica (por detrás de Madrid e Barcelona e Lisboa) e unha das dez principais de Europa.
A defensa das infraestruturas de comunicación vén de ser unha das constantes do Eixo nos últimos 25 anos, centrada inicialmente na liña Vigo-Porto, que posteriormente se ampliou ao eixo vertical Ferrol-A Coruña-Lisboa, e ao mapa ferroviario de Galicia que inclúe o trazado Ferrol-A Coruña-Lugo, Lugo-Ourense, e a saída cara Francia polo Barco de Valdeorras, no que xa está configurado pola UE como trazado galego do Corredor do Atlántico. O Eixo Atlántico é a entidade que elaborou máis informes de soporte a estas propostas, que poden ser consultados aquí.