Skip to main content

Amarante despide a IX EXPOCIDADES 2026 tras unha exitosa edición

Amarante despide a IX EXPOCIDADES 2026 tras unha exitosa edición

A IX edición de EXPOCIDADES, celebrada en Amarante os días 8, 9 e 10 de maio de 2026, concluíu cun resultado moi positivo, reafirmando a súa posición como unha das principais citas do turismo de proximidade entre Galicia e o norte de Portugal. 

O acto inaugural contou cunha ampla representación institucional, coa participación do presidente da Câmara Municipal de Amarante, Jorge Ricardo, do presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre, así como do presidente do Eixo Atlântico e do secretario xeral da entidade, Xoán Mao. Ao evento sumáronse tamén representantes políticos dos distintos municipios participantes nesta edición. 

Ao longo das tres xornadas, EXPOCIDADES reuniu 29 entidades e ofreceu unha programación diversa e participativa que combinou gastronomía, artesanía, música, obradoiros, actividades familiares e demostracións en vivo. A elevada afluencia de público e o dinamismo dos espazos expositivos contribuíron a consolidar o carácter aberto, participativo e de intercambio da feira.

O municipio anfitrión, Amarante, exerceu un papel destacado ao longo de todo o evento, poñendo en valor o seu patrimonio, a súa identidade cultural e unha programación musical que axudou a crear un ambiente festivo e atractivo durante as tres xornadas.

Desde a organización sublíñase a boa acollida desta nova edición, que continúa a medrar tanto en participación como en proxección, consolidando EXPOCIDADES como unha ferramenta estratéxica para a promoción dun turismo sostible, de proximidade e de calidade. A iniciativa enmárcase na estratexia do Eixo Atlântico, orientada á construción dun modelo turístico máis equilibrado e policéntrico no espazo Galicia–Norte de Portugal.

Estratexia de turismo responsable: turismo de autor e turismo policéntrico

EXPOCIDADES intégrase na estratexia de turismo promovida polo Eixo Atlântico, que aposta por un desenvolvemento do sector baseado na sustentabilidade, a calidade e o equilibrio territorial, evitando concentracións excesivas e posibles desequilibrios nas cidades e nas súas comunidades.

Neste marco desenvólvense os conceptos de “turismo de autor” e “turismo policéntrico”, centrados na posta en valor dos recursos locais, na diversificación da oferta e na descentralización dos fluxos turísticos, favorecendo a creación de micromdestinos con identidade propia e alto valor patrimonial, cultural e ambiental.

O obxectivo é avanzar cara a un modelo turístico máis cohesionado, sostible e resiliente, aliñado cos retos sociais e ambientais actuais, que contribúa ao desenvolvemento equilibrado do territorio e ao benestar das comunidades locais, ao tempo que mellora a experiencia dos visitantes.

Programa completo