Expertos en turismo de toda Europa cítanse no Foro internacional de turismo de fronteira en Braga
O acceso é libre previa inscrición gratuíta na web do Eixo Atlántico e celebrarase xunto á feira de turismo de proximidade, Expocidades
A Semana de Turismo de Fronteira Europeo que se celebrará na cidade portuguesa de Braga entre o 30 de maio e o 2 de xuño ultima os preparativos dos seus dous eixos fundamentais: o I Foro Internacional de Turismo de Fronteira Europeo e a V feira de turismo de proximidade, Expocidades, eventos situados a menos de 70 quilómetros da fronteira de Tui.
Ao foro xa confirmaron a súa presenza expertos e especialistas en turismo de toda Europa que abordarán cuestións como o diagnóstico e o desenvolvemento dun plan estratéxico de turismo de fronteira; o efecto da fronteira no desenvolvemento de turismo e a confluencia con programas europeos de turismo nos seus diferentes ámbitos (patrimonial, histórico, natural ou cultural).
Tamén se analizarán as experiencias doutras fronteiras europeas cun repaso ás denominadas “boas prácticas” en países como Estonia, Grecia, Hungría, Chequia ou Romanía a través dos socios do Eixo Atlántico no proxecto europeo EPICAH que lidera a entidade transfronteiriza.
Epicah configura un grupo de traballo formado por 8 rexións fronteirizas europeas, que veñen reflexionando e analizando propostas para a preservación do patrimonio e o seu aproveitamento turístico, desde hai dous anos.
En paralelo, o Eixo Atlántico lidera o proxecto Destino Fronteira onde están representados integrantes da Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, RIET, que promove identificar fontes para o desenvolvemento económico e a repoboación da fronteira en base a un turismo sustentable centrado no patrimonio natural, cultural e monumental da totalidade da fronteira hispano portuguesa.
En ambos os casos, o novo concepto de Turismo de Fronteira é unha evolución do de Dous países, un Destino que naceu na eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, impulsado polo Eixo Atlántico hai uns anos e que se está estendendo por outras fronteiras europeas.
Este concepto, así mesmo, desenvolve unha estratexia baseada na preservación do patrimonio natural e cultural dos territorios de fronteira para o seu aproveitamento económico a través dun turismo sustentable. A idea que impulsa é a de convidar as persoas a que percorran a fronteira e que non se limiten a cruzala, xa que estas adoitan ser territorios con gran riqueza histórica, cultural e natural.
A asistencia ao I Foro Internacional de Turismo de Fronteira Europeo, aínda que gratuíta, require de inscrición previa. Pódese realizar a través da web do Eixo Atlántico, www.eixoatlantico.com, até o próximo día 13 de maio ou até a cobertura do aforamento, limitado a 200 persoas, para garantir a calidade do debate entre os asistentes. Pode facer a inscripción neste ENLACE.
EXPOCIDADES
O Primeiro Foro de Turismo de Fronteira Europeo será a antesala da celebración da V edición de Feira do Turismo de Proximidade do Eixo Atlántico, Expocidades, que abrirá as súas portas na citada cidade de Braga do xoves 30 de maio, ao domingo 2 de xuño, no contexto da Semana do Turismo de Fronteira Europeo.
En Expocidades, situada no centro da cidade, na Praza dá República, poderán percorrerse nun único espazo a diversidade da oferta das cidades que se integran no Eixo Atlántico, os seus atractivos, a súa cultura, patrimonio e gastronomía.
O acceso a Expocidades é libre e gratuíto e celebrarase nos seguintes horarios:
Xoves 30 de maio. Inauguración ás 18 h.
Venres, día 31 de maio: de 14 ás 23 horas
Sábado, día 1 de xuño: de 14 ás 23 horas
Domingo, día 2 de xuño: de 10:30 h. ás 18 horas