Aberto o prazo de inscrición para asistir o 8 e 9 de xuño no Teatro Circo
O primeiro ministro de Portugal, António Costa, clausurará o Congreso do Eixo Atlántico que se celebrará o 8 e 9 de xuño no Teatro Circo de Braga. Ademais, o ministro de Planeamento e Infraestruturas, Pedro Marques, tamén confirmou a súa participación na inauguración do congreso.
O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular está xa ultimando os detalles do que será o seu terceiro congreso, que servirá para conmemorar os 25 anos de historia da entidade e onde será presentada a primeira axenda urbana tranfronteriza europea.
Ademais, no marco deste congreso seranlles entregadas as medallas dos 25 anos a tres europeístas claves no nacemento do Eixo como son o entón alcalde de Porto, Fernando Gomes; o que foi director xeneral de Política Exterior da Comisión Europea, Eneko Landaburu; e o presidente da Comisión Europea naquel momento, Jacques Delors.
Cinco obradoiros
Xa está aberto o prazo de inscrición para asistir a este congreso, que contará con cinco talleres coordinados por expertos da Axenda Urbana, onde se abordarán o cinco grandes áreas do esquema operativo do documento:
Sistema urbano organizado: o novo territorio
A cidade competitiva: crecemento e emprego
A cidade ecolóxica: o desafío da sustentabilidade
A cidade integradora e participativa: a nova sociedade
Municipios eficientes: a nova administración
A axenda urbana constitúe un proceso innovador de planificación estratéxica para a próxima década, cun dobre e estimulante reto: elaborar unha axenda estratéxica contando cos intereses de 38 cidades de moi diferente tamaño e posicionamento que, ao mesmo tempo, pertencen a dous Estados europeos.
Durante os meses de novembro e decembro de 2016, o Eixo puxo a disposición do público o documento para recibir as achegas que todos e todas quixesen facer. O resultado foi magnífico e enriquecedor para o documento que agora se presenta.
Este congreso pretende ser o foro no que os axentes políticos, sociais, económicos e culturais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coñezan de primeira man o documento estratéxico e poidan achegar todos os comentarios e ideas que melloren a axenda urbana.
O programa do Congreso e o formulario de inscrición xa está dispoñible a través da web do Eixo Atlántico