O Goberno de Portugal pon en marcha órgano de coordinación nacional do Camiño de Santiago
Xa fora proposto polo Eixo Atlántico tanto ao actual goberno de Antonio Costa como ao seu antecesor, Pedro Passos Coelho
Vigo, 8 de febreiro de 2019.- O Goberno de Portugal aprobou onte un Decreto Lei que regula a “valorización e promoción do Camiño de Santiago portugués, a través da certificación dos seus itinerarios e a creación dun Órgano de Coordinación Nacional”.
Esta decisión recolle a proposta que no seu día fixese o Eixo Atlántico, tanto ao Primeiro Ministro, Pedro Passsos Coelho, como ao actual António Costa, así como aos 3 titulares de Cultura da actual lexislatura.
En 2016 o Eixo Atlántico publicou, en colaboración coa Xunta de Galicia, un informe titulado “Caminho de Santiago: Estudos dous traçados non Norte de Portugal” no que recollía a situación dos trazados do Camiño de Santiago portugués, así como as actuacións que había que realizar en cada concello do Norte de Portugal para a rexeneración e mellora do Camiño e a valorización do custo das devanditas actuacións con vistas a equiparalo ao Camiño Francés en 2021, próximo Ano Santo.
Nestes anos o Eixo Atlántico creou un clima de opinión favorable á promoción do Camiño de Santiago portugués a través dos Medios de Comunicación de Portugal mediante a organización de foros e debates principalmente co Xornal de Notícias (Foro de Vila Nova de Gaia) e do Correio do Minho (Foro de Braga), foros nos que participaron algunhas das asociacións máis representativas como é o caso da Asociación Amigos do Camiño que preside Tino Lores.
Tras a aprobación no día de onte, o Eixo Atlantico seguirá traballando para vehiculizar os investimentos necesarios para a mellora do Camiño, tal e como reflicte o citado informe.
En todo caso, desde Eixo Atlántico e os seus concellos, especialmente aqueles por os que discorre o Camiño portugués, considérase unha excelente noticia e un éxito máis dos numerosos conseguidos grazas ao traballo conxunto da entidade cos seus concellos.