Durante a reunión informouse, entre outros asuntos, sobre as expectativas para o vindeiro Cumio Ibérico
A comisión executiva do Eixo Atlántico reuniuse onte na Coruña, coa consecución dos seguintes acordos:
Aprobación do informe do presidente e do secretario xeral no que se analiza o desenvolvemento das infraestruturas prioritarias para a Eurorrexión. Constatouse a satisfacción polo cumprimento do Goberno portugués pola licitación do último tramo da electrificación da liña férrea entre Viana do Castelo e Valença, que suporá a chegada do Alfa Pendular á fronteira en 2019.
Informouse das xestións co Goberno español para a saída sur de Vigo co obxectivo de completar a comunicación entre Lisboa e A Coruña en altas prestacións, a conexión ferroviaria de mercadorías entre Palencia e Monforte; a modernización entre a liña ferroviaria Ourense-Lugo, para que o AVE poida chegar tamén a Lugo; a construción da A-76 entre Ponferrada e Ourense e por último a conexión Bragança-Sanabria, que se abordará no próximo cume ibérico, segundo informou xa o secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez Pomar.
Durante a reunión da comisión executiva tamén se informou sobre as expectativas para o próximo Cumio Ibérico (29 e 30 en Vila Real) na que o Eixo Atlántico espera ver resoltas varias das súas peticións históricas e moi especialmente a elaboración dun novo acordo que regule a relación entre ambos os países e por tanto as accións tendentes ao desenvolvemento dos territorios da fronteira.
Os membros da comisión executiva coñeceron os detalles da consecución do obxectivo da desaparición do roaming, tras as accións realizadas polo Eixo Atlántico, o próximo 15 de xuño.
Ademais a comisión executiva deu a súa conformidade ás próximas accións previstas, xa integradas no Programa Anual aprobado pola asemblea en febreiro, no ámbito da cultura e deportes así como ao Congreso da Axenda Urbana e ao acto conmemorativo dos 25 anos, que se celebrará en Braga o 8 e 9 de xuño.
Por último, debateuse a posición do Eixo Atlántico na Comisión de Traballo Galicia Norte de Portugal, dada a evidente inacción da devandita entidade.