O alcalde de Matosinhos, Guilherme Pinto, morreu este domingo, vítima dunha prolongada enfermidade
Membro da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, Pinto destacouse polo seu traballo en favor da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal
“Guilherme Pinto morreu en casa, xunto coa familia e de modo tranquilo, despois de máis de dous anos de loita contra a enfermidade", sinala o comunicado do concello.
O velorio estará instalado no salón nobre dos Pazos do Municipio até a tarde deste luns. Despois será trasladado á igrexa do Señor de Matosinhos, onde se oficiará unha misa a cargo do bispo do Porto, António Francisco de Santos.
No inicio de pasada semana, Guilherme Pinto presentou a súa renuncia ao mandato, debido ao seu estado de saúde.
Membro da Comisión Executiva do Eixo Atlántico, Pinto destacouse polo seu traballo en favor da cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal. Durante o seu mandato como alcalde, Matosinhos converteuse nun referente gastronómico e cultural na eurorrexión.
Entre as súas últimas accións como alcalde figuran os actos da Capital da Cultura do Eixo Atlántico en 2016 e a inauguración, o pasado mes de novembro, da Praza do Eixo Atlántico na localidade.
11 anos á fronte do concello
O home que liderou os últimos 11 anos o concello de Matosinhos naceu en Matosinhos a 21 de Abril de 1959, licenciouse en Dereito pola Universidade de Coimbra, foi profesor do ensino secundario e exerceu a profesión de avogado.
Vicepresidente da Cámara de Matosinhos desde 2001, presentou a súa candidatura ao liderado do concello en xullo de 2005. En novembro de 2005, Guilherme Pinto asumiu o cargo de vicepresidente da Xunta Metropolitana de Porto (JMP), onde loitou pola expansión da rede do Metro de Porto.
Nas últimas eleccións municipais, en 2013, Guilherme Pinto presentouse como independente. Acabou por vencer por maioría absoluta as eleccións.