Skip to main content

Eixo e RIET participaron nos Open Days, en Bruselas

Eixo e RIET participaron nos Open Days, en Bruselas

O seminario sobre os 25 anos de cooperación España - Portugal, organizado pola RIET nos OPEN DAYS, foi un éxito de participación

O 14 de outubro RIET organizou, durante os OPEN DAYS, un seminario sobre os 25 anos da cooperación entre España e Portugal. O obxectivo era, non só expor os logros acadados a través da cooperación nas diferentes partes da fronteira hispano - lusa senón tamén, pensando no futuro debate de fondos post 2020, pór de manifesto o esforzo realizado e a importancia desta cooperación para o desenvolvemento socioeconómico e a cohesión.
O seminario contou con relatores do máis alto nivel, encabezados pola Directora de Cooperación Territorial e Macrorrexións da Comisión Europea. Ademais, contouse coa presenza do Sudirector Xeral de Cooperación Territorial de España, Sr. Fernando Fernández Melle; o Expresidente da Axencia para o Desenvolvemento e a Cohesión de Portugal, Engº José Soeiro; o Presidente do Eixo Atlántico, Sr. Ricardo Rio; e o Presidente da RIET, Sr. Jose Maria Costa. Este alto nivel de oradores reflectiuse nunha alta participación no seminario, que estaba ao máximo de capacidade.
Os relatores aproveitaron a presenza na sala de varios representantes da Comisión para lanzar mensaxes clave sobre as cuestións a mellorar para un pleno desenvolvemento do potencial da cooperación entre ambos países. Entre as mensaxes que se lanzaron destacan:
- Necesidade de revisar o papel xurídico las asociacións transfronteirizas.
- Mellorar a participación das autoridades locais nos programas, dende a concepción ata o seguimento.
- O punto de partida do territorio da fronteira, cuns  indicadores de desenvolvemento (desemprego, abandono escolar, etc) por debaixo da media de ambos países e moi lonxe da media europea debe ser tido en conta á hora de fixar os obxectivos a cubrir polos programas de cooperación, así como á hora de determinar a axuda financeira a destinar.
- Sería interesante organizar un foro anual sobre a cooperación no que as principais entidades que traballan en cooperación territorial puideran intercambiar entre elas e coa Comisión as principais necesidades, fortalezas e debilidades da cooperación territorial nas diferentes fronteiras de Europa.
Por último, a Directora de Cooperación Territorial da UE aproveitou a ocasión para dar a coñecer a consulta pública lanzada pola Comisión sobre os obstáculos que aínda existen na cooperación e facer un chamamento á participación na mesma. Os interesados poden acceder a consulta, que vai estar aberta ata o 21 de decembro de 2015, a través do seguinte enlace: https://ec.europa.eu/eusurvey/runner/overcoming-obstacles-border-regions#

 

 

Descargar as ponencias presentadas:

Presentación de Lena Andersson Pench

Presentación de Fernando Fernández Melle

Presentacion Jose Mª Costa

Presentacion Jose Soeiro