Eixo Atlántico traslada a Bruxelas a súa total oposición á suspensión dos dereitos dos pasaxeiros de avión
Unha ducia de países da Unión Europea, entre eles Francia, Irlanda, Países Baixos ou Portugal solicitaron á CE a suspensión dos dereitos dos pasaxeiros que obrigan ás aerolíneas a devolver o prezo do billete dos voos cancelados
O Eixo Atlántico trasladou este martes a súa frontal oposición a que se poidan suspender os dereitos dos pasaxeiros de avión durante a crise do coronavirus.
Nunha carta enviada esta mañá á Comisaria de Transportes, Adina Valean, o presidente do Eixo, Ricardo Rio, trasládalle o seu “asombro e indignación” pola recente petición de doce estados membros para que se anule a carta dos dereitos dos pasaxeiros e transmítelle a oposición frontal do Eixo Atlántico á petición así como a súa solicitude para que esa medida sexa rexeitada. “Nestes tempos de crises e pandemia, deberiamos reforzar os nosos valores e defender os dereitos dos cidadáns”.
Hai que lembrar que o pasado mércores 29 de abril unha ducia de países da Unión Europea, entre eles Francia, Irlanda, Países Baixos ou Portugal solicitaron á Comisión Europea a suspensión dos dereitos dos pasaxeiros para que as compañías poidan compensar con cupóns a quen non poidan voar polas restricións impostas polo coronavirus.
As regras comúns establecen que as aeroliñas deben devolver con diñeiro o prezo do billete en caso de cancelación dun voo ou ben a recolocar ao pasaxeiro nunha ruta alternativa. Con todo, os países piden nunha carta ao executivo comunitario unha resposta "urxente" que permita ás compañías aéreas resolver as devolucións mediante cupóns canxeables máis adiante.
Por estes motivos o presidente do Eixo reclama que a Comisión Europea debe “defender o noso modo de vida e protexer os dereitos xa adquiridos dos cidadáns”. Ricardo Rio indica que non están en contra de que as empresas emitan vales en lugar de devolver o diñeiro no caso de cancelación de voos, pero os cidadáns deben estar de acordo coa medida. “As normas da Unión Europea son moi claras: cando os servizos se cancelan, débese proporcionar outra opción de voo ou o reembolso do billete. Esta debe seguir sendo a norma, cambiala agora sería un paso atrás inaceptable?, asegura.
O alcalde de Braga avisa dos riscos que esta decisión tería non só para o peto dos cidadáns e empresas, que xa están en dificultades, senón tamén para a recuperación do turismo.
No seu escrito Ricardo Rio lamenta que de aceptarse esta petición, podería aplicarse o mesmo criterio ás empresas de venda por correo, ás grandes cadeas de distribución, as grandes empresas telefónicas que poderían reclamar a restauración do roaming, ou a outras grandes empresas que non darían servizo coa escusa da pandemia, pero cobrar igualmente por el ofrecendo a cambio vales.
Ademais, o Eixo Atlántico alerta tamén de que a medida solicitada por estes estados membros podería ter un efecto colateral de saturación dos xulgados xa que a eliminación da carta dos dereitos dos pasaxeiros non exime das reclamacións no ámbito mercantil.
Por último, o presidente do Eixo apela á honestidade e bo criterio da propia comisaria para que se opoña á petición, unha medida que “como mínimo debería ser debatida no Parlamento Europeo”, indica.