Skip to main content

O Eixo Atlántico post-Covid: a importancia do público

O Eixo Atlántico post-Covid: a importancia do público

 A pandemia global da Covid-19 e a súa incidencia nos concellos e deputacións que conforman o Eixo Atlántico veñen de evidenciar a importancia dos servizos públicos especialmente en situacións excepcionais.

20 de xaneiro de 2021. A pandemia global da Covid-19 e a súa incidencia nos concellos e deputacións que conforman o Eixo Atlántico veñen de evidenciar a importancia dos servizos públicos especialmente en situacións excepcionais, como é o caso da crise económica e sanitaria derivada da pandemia do coronavirus, xunto coa certeza de que o mundo tal como o coñeciamos non volverá ser igual, e presenta boas oportunidades en desenvolvemento local conxunto cunha visión estratéxica nas políticas da vindeira década, tal como se abordou na Conferencia de Alcaldes e Presidentes de Cámaras Municipais de Galicia e o Norte de Portugal non mes de setembro en Pontevedra. 

Os representantes puxeron de manifesto que a crise derivada do impacto da Covid-19 vén de remarcar a fundamental relevancia dos servizos públicos e as políticas sociais no eido da saúde, a seguridade, o transporte ou o abastecemento, un momento no que os Estados deron mostra de ser os únicos capaces de coordinar recursos, actuar equitativamente e atender a todas as persoas, con obxectivos e medidas centradas na recuperación, a reparación e a adecuación das capacidades produtivas. 

A nova etapa que se inicia neste 2021 marca o camiño dun novo modelo económico máis social onde a dixitalización e a sostibilidade, ambas enmarcadas nos obxectivos da Unión Europea, unidas ás políticas de cohesión dos territorios para o impulso da simetría rexional e a igualdade territorial, se perfilan indispensables nas 37 institucións locais enmarcadas no Eixo Atlántico.

As conclusións da Conferencia de Alcaldes Post Covid 19 sinalaron que o futuro debe mirar cara a economía, a política social, a sostibilidade e a innovación, coa investigación e a rexeneración urbana como eixos transversais, todas elas cuestións que forman parte do ADN do Eixo Atlántico.

Con todas as súas semellanzas e o foco posto en Europa, os territorios e institucións do Eixo Atlántico encaran o 2021 cunha firme vontade de cooperación entre cidades, empresas e administracións, entendendo que as políticas públicas que permitan unha saída eficaz da crise, así como as que se desenvolvan nos vindeiros 10 anos, pasan necesariamente por manter unha visión estratéxica de territorio amplo co desenvolvemento local conxunto e a gobernanza multinivel na base.

Malia os imprevistos derivados da pandemia, Braga continúa este 2021 como Capital da Cultura do Eixo Atlántico, despois dun 2020 de numerosas cancelacións no eido cultural que afectaron aos municipios do Eixo. En maio, a cidade de Maia recibirá a bandeira dos Xogos do Eixo Atlántico como nova sede da celebración, adiada ao mes de xullo de 2022, e Santiago de Compostela acollerá en xuño a Asemblea Xeral do Eixo Atlántico, que abordará pincipalmente aspectos do eido político. No tocante ás feiras, en setembro celebrarase en Valongo a Feira de Expocidades, e no outono terá lugar en Lugo a Feira de Produtos Tradicionais. E así ata un longo etcétera de eventos e actividades do Eixo Atlántico, porque a vida non se detén.

Consulta aquí as análises e propostas da Conferencia de Alcaldes PostCovid19 organizada polo Eixo Atlántico