Eixo Atlántico, o Concello de O Barco e a Deputación de Ourense presentan o informe que pon en valor a Vía Nova
O estudo mostra as medidas para impulsar o Circuíto Cultural da Romanización
Desde hai un ano, o Eixo Atlántico impulsa un proxecto, liderado polo Concello do Barco de Valdeorras e a Deputación de Ourense en colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que promove o Circuíto Cultural da Romanización. Esta iniciativa pon en valor a gran riqueza cultural romana e castrexa de Gallaecia, territorio que actualmente ocupa a Eurorrexión, e o seu patrimonio da humanidade.
Neste contexto, dáselle unha especial importancia á Vía Nova, ou Vía XVIII, ruta romana que comezaba en Bracara Augusta, actual Braga, e finalizaba en Astúrica, Astorga. Para pór en valor este circuíto, encargóuselle un informe a expertos galegos e portugueses co obxectivo de estudar medidas que impulsasen a Vía Nova, cuxa viabilidade se expón a través de candidaturas a fondos europeos nas que se está traballando conxuntamente. Pode consultar este informe na web do Eixo Atlántico.
Esta mañá, no Barco de Valdeorras, presentouse o informe finalizado aos alcaldes e alcaldesas dos municipios polos que pasa nel trazado nun acto presidido por Alfredo García, alcalde do Concello de O Barco, e Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense. Á presentación tamén asistiu Santiago Ferrer, arqueólogo e autor responsable da parte galega do informe, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.
Na súa intervención, Manuel Baltar destacou que “as administracións públicas deben acostumarse a cooperar e traballar en rede, sobre todo para algo que nos define como a cultura”. O presidente da Deputación agradeceu ás diferentes institucións involucradas no proxecto “por poñer en común experiencias e propostas que se transformarán nunha candidatura potente e avanzar na dinamización territorial”.
“É o momento de facer unha homenaxe á nosa historia, obxectivo dunha provincia cultural coma esta, a través dun estudo valiosísimo que fala do que fomos e tamén do que seremos”, sinalou o presidente da Deputación.
Pola súa banda, Alfredo García resaltou a “necesidade da colaboración entre as distintas administracións dos territorios polos que transcorre a Vía Nova -León, Ourense e norte de Portugal- para un proxecto que pretende poñer en valor a romanización en toda Galicia”. Por outra banda, explicou que “o seguinte paso é plasmar isto nun proxecto europeo cando se abra o prazo de presentación nos próximos meses”. O alcalde do Barco de Valdeorras rematou agradecendo “a boa disposición que tivo a Deputación para realizar esta labor”.
Xoán Vázquez Mao explicou que este proxecto de valorización vén dado “polo conxunto inmenso de riqueza patrimonial e cultural da época castrexa e romana que hai en Galicia, facendo necesario un circuíto cultural que conecte eses puntos”. O secretario xeral do Eixo Atlántico destacou o “bo entendemento dos membros desa institución -Concello do Barco, Deputación de Ourense e Cámara Municipal de Braga-” . Ademais, Vázquez Mao expuxo a xénese deste plan de valorización da Vía Nova e explicou que “non será un traballo dun só ano, polo que se irán presentando proxectos a distintos fondos europeos, comezando polo POCTEP”.
Cabe destacar que este primeiro informe desenvólvese no marco do proxecto Hi_Experience cofinanciado polo programa POCTEP.
