Skip to main content

Eixo Atlántico lidera o proxecto ATLANTIC BRIDGES no seu segundo encontro transnacional en Normandía

Eixo Atlántico lidera o proxecto ATLANTIC BRIDGES no seu segundo encontro transnacional en Normandía

Tras o seu lanzamento na Coruña, ATLANTIC BRIDGES avanza cara a un Espazo Atlántico Unificado integrando o mar na planificación urbana, co Eixo Atlántico á fronte do proxecto

O Eixo Atlántico, como líder do proxecto ATLANTIC BRIDGES cofinanciado por Interreg Espazo Atlántico, participou recentemente no segundo encontro transnacional, celebrado en Le Havre, Normandía. Organizado por EM Normandie Business School como entidade anfitrioa, o encontro coordinouse conxuntamente co Eixo Atlántico, consolidando a cooperación entre os socios do proxecto e reforzando a integración da cuádrupla hélice: administracións públicas, empresas, ámbito académico e sociedade civil. 260408 bridges normandia 1

ATLANTIC BRIDGES ten como obxectivo promover un desenvolvemento urbano sostible nas cidades costeiras do Atlántico europeo, aplicando a filosofía da Nova Bauhaus Europea para avanzar na tripla transición: ecolóxica, económica e social. O proxecto procura que os territorios integren o mar e os espazos portuarios na vida urbana, promovendo a cohesión social, a sostibilidade ambiental e a dinamización económica.

Segundo encontro en Normandía

O primeiro encontro transnacional tivo lugar na Coruña, o pasado mes de outubro, onde se lanzou oficialmente o proxecto. En Normandía, esta semana, o Eixo Atlántico liderou o Comité de Pilotaxe (Steering Committee), coordinando a toma de decisións estratéxicas e facilitando o intercambio de experiencias entre os socios. Durante as reunións presentáronse avances metodolóxicos, debatéronse retos comúns e planificáronse os vindeiros pasos do proxecto.

O programa incluíu unha visita guiada ao complexo industrial-portuario de Le Havre, amosando oportunidades de integración porto-cidade, rexeneración urbana, turismo sostible e economía azul. Estas actividades reforzan o obxectivo de fortalecer a relación terra-mar e avanzar cara a un Espazo Atlántico Unificado, fomentando a colaboración transnacional entre cidades, empresas, centros de investigación e sociedade civil.