Eixo Atlántico, CES de Galicia e Xunta impulsarán unha estratexia e un lobby en defensa do Corredor Atlántico
A este acordo chegouse na reunión que mantiveron as 3 entidades o pasado día 30 de novembro na Cidade da Cultura
A Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico e o Consello Económico e Social (CES) crearán unha comisión executiva para seguir demandando investimentos no Corredor Atlántico do Noroeste e á que convidarán a participar á FEGAMP.
Así o acordaron nunha reunión o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a vicepresidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, e o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, así como o presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández. Na xuntanza tamén participou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
No encontro compartiron a necesidade de aproveitar a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación NextGeneration para impulsar o Corredor Atlántico do Noroeste a través da remodelación global da súa rede ferroviaria.
Tanto o Eixo como a Xunta e o CES incidiron na importancia de seguir sumando vontades de todos os axentes implicados en Galicia para acadar un compromiso co Corredor Atlánticodo Noroeste, reforzando a alianza de éxito forxada coas comunidades veciñas de Asturias e Castela e León.
Coa comisión executiva acordada, a defensa do Corredor Atlántico reforzaríase coa unión entre o Goberno galego e os concellos, o sector económico e social a través do CES, así como os municipios da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal integrados no Eixo Atlántico.
Ademais, acordaron que o voceiro desta comisión executiva será o presidente do Consello Económico e Social, Agustín Hernández.
Hai que ter en conta o traballo do Eixo Atlántico e do CES para solicitar que se prioricen os proxectos das infraestruturas pendentes do Corredor Atlántico, así como a mellora das conexións con Portugal -Saída Sur de Vigo-, aproveitando os fondos de reconstrución europeos, con criterios de cohesión e equilibrio.