Skip to main content

Educación e Cultura do Eixo Atlántico reuniuse no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira

Educación e Cultura do Eixo Atlántico reuniuse no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira

O Grupo Temático de Educación e Cultura do Eixo Atlántico levou a cabo por primeira vez unha xuntanza no Centro Cultural Lustres Rivas de Riveira

Os asistentes á reunión do Grupo Temático foron recibidos polo Alcalde de Riveira que os convidou a visitar o municipio facendo énfase na illa de Sálvora que forma parte do Parque Nacional Marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e no parque natural das Dunas de Corrubedo, o máis visitado de Galicia segundo comentou.

Na reunión foi presentada en primeiro lugar a memoria da IV edición da Capital da Cultura que se celebrou baixo o lema “ Do Douro ó Atlántico” nas cidades de Vila Real e Matosinhos. A análise feita polas restantes cidades foi moi positiva sendo que se traballará para buscar unha maior implicación das restantes cidades en próximas edicións.

En relación á Bienal de Pintura realizouse o punto de situación da XI edición que se encontra exposta neste momento no Centro Cultural Adriano Moreira de Bragança. Ata próximo mes de abril percorrerá as cidades de Vila Nova de Gaia, Porto, Vilagarcía de Arousa, Vila Nova de Famalicão e Barcelos, sendo que xa ven de percorrer outras 12 cidades dende a súa inauguración en novembro de 2015. O Eixo Atlántico está analizando a posibilidade de levar a cabo, ó finalizar a XI edición e con motivo da celebración dos 25 anos, unha exposición conmemorativa que recolla as obras premiadas de tódalas edicións. De confirmarse, as cidades poderán presentar candidaturas para acollela nos seus contedores culturais.

Sobre a V edición da Mostra Musical celebrada en Vilagarcía o pasado mes de abril, agradeceuse a implicación da cidade anfitrioa así como se destacou o elevado nivel dos participantes. Foi presentada e aprobada a candidatura de Vila Real para a VI edición que se celebrará na cidade portuguesa no mes de maio de 2018. Vila Real presentou unha candidatura moi completa que unido ó feito de que esta cidade ven acompañando esta iniciativa dende o inicio non deixou ningunha dúbida ós presentes sobre a idoneidade da cidade para acoller a VI edición do evento. Para a celebración II edición do Seminario de intercambio de experiencias no ámbito da Educación foi escollida a cidade de Bragança cuxa candidatura propuña a celebración no salón de actos do Teatro Municipal da cidade.

Ademais, a proposta das cidades de Santiago de Compostela e Vila Real, comezarase a traballar para recuperar unha actividade que se tiña realizado hai algúns anos con éxito como son os intercambios escolares entre cidades.

Por último, foi escollido por unanimidade o Concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago de Compostela, Manuel Dios Diz, como Presidente do Grupo Temático de Educación e Cultura.