Skip to main content

Bruxelas aproba a inclusión da liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico europeo, tal e como se comprometeu co Eixo Atlántico

Bruxelas aproba a inclusión da liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico europeo, tal e como se comprometeu co Eixo Atlántico

Con esta decisión cúmprese un dos obxectivos polos que o Eixo Atlántico vén traballando desde hai una década

A Comisión fixo pública hoxe a aprobación da integración da liña ferroviaria A Coruña-Vigo-Ourense-Monforte-O Barco-Palencia no Corredor Atlántico europeo, tal e como se comprometeu o coordinador europeo da rede transeuropea de transportes, Carlo Secchi, co presidente do Eixo, Alfredo García na súa reunión do día 24 de maio en Bruxelas. E tal e como lle ratificou a comisaria de transportes ao líder da oposición no Parlamento galego, Luís Villares.

Esta decisión deberá ser ratificada nun trámite habitual polo Consello Europeo de Ministros e polo Parlamento Europeo no prazo máximo dun ano, coa previsión de que o Parlamento o deixe xa aprobado antes da súa disolución en 2019.

A partir de 2021, ano no que entra en vigor o novo programa de fondos europeos, o Goberno español xa poderá solicitar o cofinanciamento das obras coa condición de que estean finalizadas no 2030 como máximo.

A importancia desta decisión radica non só na competitividade para os portos galegos, ao poder pór as súas mercadorías en toda Europa en tempos competitivos, senón tamén no impulso económico que lle achegará ao interior de Galicia, zona con grandes problemas demográficos pola falta de investimentos e de movemento económico. Todos estes aspectos foron recollidos polo Eixo Atlántico no foro que organizou en Monforte de Lemos en maio de 2016 e cuxas conclusións están dispoñibles nun informe publicado polo Eixo.

O secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, recalcou a importancia desta decisión e do traballo integrador e en positivo que o Eixo Atlántico realizou baixo a presidencia do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García. Neste traballo tiveron un papel moi relevante tanto alcaldes e alcaldesas pasados e presentes como o alcalde de Monforte José Tomei, a actual alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e a Deputación de Lugo; así como empresarios, sindicatos, organizacións cívicas e un amplo espectro de entidades tanto galegas como do Bierzo das que non faltou case ninguén.

Desde o Eixo Atlántico tamén queremos agradecer o importantísimo traballo desenvolvido nos medios de comunicación que coa súa información permanente crearon un clima de opinión que ao final resultou determinante na aprobación da proposta.

Neste percorrido contamos sempre co apoio do Ministerio de Fomento español, no que xogou un papel moi relevante a directora xeral de Adif, a lucense Isabel Pardo de Vera, que foi a artífice de que o Ministerio asumise as propostas do Eixo Atlántico, propostas que á súa vez, asumían e integraban as dos colectivos sociais e institucións tanto de Galicia como do Bierzo.

O obxectivo a partir de agora será transmitirlle ao novo Goberno a necesidade de axilizar os prazos ao máximo e monitorizar o cumprimento dos mesmos. Igualmente o Eixo Atlántico concentrará os seus esforzos en impulsar a saída sur de Vigo para conectar o tres vértices do Corredor Atlántico: A Coruña, Aveiro e Sines a través do 30 km que faltan entre Vigo e Tui.

O secretario xeral, así mesmo, reclamou que dunha vez por todas se cre o Porto seco de Monforte, substituíndo ao polígono empresarial interruptus que ocupa na actualidade os terreos destinados a porto seco.