Skip to main content

Braga e Santiago de Compostela, cidades do Eixo Atlántico, asinan o irmandamento

Braga e Santiago de Compostela, cidades do Eixo Atlántico, asinan o irmandamento

Esta mañá celebrouse o acto de Sinatura do Protocolo de irmandamento entre Braga e Santiago de Compostela, cidades del Eixo Atlántico. O documento, asinado polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Câmara Municipal de Braga, Ricardo Río, pretende fortalecer as relacións económicas, turísticas e culturais entre as dúas cidades

Ao acto, celebrado no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela, tamén acudiu o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao e a Presidenta, Lara Méndez. Ademais, asistiu unha comitiva formada por membros da Corporación municipal, Igrexa e Universidade da cidade portuguesa, así como un nutrido grupo de empresarios lusos.

Posteriormente, organizouse unha xuntanza entre representantes do sector empresarial de Braga e de Santiago no Hotel Monumento San Francisco.

O Pleno da Corporación aprobou o pasado mes de novembro por unanimidade o inicio dos trámites para o irmandamento de Santiago coa cidade de Braga, dando así continuidade ao protocolo iniciado hai un tempo, cuxo obxectivo é o de "fortalecer as relacións entre as dúas cidades, concretamente nas áreas económica, turística e cultural, aproveitando os recursos que existen en ambos concellos".

A proposta de irmandamento incide no interese de Santiago de Compostela, como hub de innovación, por potenciar "áreas comúns entre os dous concellos nas ciencias da saúde, a biotecnoloxía e a nanotecnoloxía, como eixes de captación de investimento a nivel internacional". Tamén se alude á cooperación cultural, citando o interese de Braga por contar con Santiago na programación da Capitalidade da Cultura do Eixo Atlántico que asumirá en 2020. Finalmente, o documento aprobado refírese á cooperación turística, subliñando o gran número de turistas estranxeiros/as que, pasando por Braga, percorren o Camiño de Santiago.

Ademais, a proposta de irmandamento lembra que tanto Santiago de Compostela como Braga son "cidades históricas, referentes para toda a humanidade, cidades patrimoniais e universitarias, que teñen historias paralelas que configuran o seu senso no pasado e na actualidade".