Skip to main content

As infraestruturas do Eixo foron as protagonistas en Radio Vigo

As infraestruturas do Eixo foron as protagonistas en Radio Vigo

O expresidente da Xunta, Fernando González Laxe, e o presidente dos empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, debateron no programa de Localia Vigo

As infraestruturas foron as protagonistas no programa mensual que emiten Radio Vigo e Localia e que tamén se pode escoitar a través de Antena Minho, en Braga. Nesta ocasión o programa contou coa presenza de Fernando González Laxe, quen foi presidente da Xunta de Galicia, e Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Durante o programa, dirixido por Jacobo Buceta, os invitados fixeron un repaso ás principais infraestruturas necesarias a nivel da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal, como é o caso do tren de alta velocidade, que ademais de para pasaxeiros tamén debería de ser pensado para mercadorías ou da necesidade de organizar un lobby para defender o corredor atlántico de mercadorías. 

 

Intermodalidade

Especial interese espertou o debate sobre a intermodalidade. En concreto, Laxe, quen tamén é catedrático de Economía, explicou que é imprescindible concentrar as mercadorías a nivel galego en Monforte, un lugar que xa está naturalmente conectado. González Laxe detallou que en todo o mundo existen portos secos -poñendo como exemplo Leixões, Berlín ou París- que permiten o desenvolvemento dunha verdadeira intermodalidade.Pola súa banda, Jorge Cebreiros, indicou que  resulta crucial contar con centros loxísticos de distribución e alertou de que se España non apoia que Galicia teña esas infraestruturas, a actividade derivarase ben a Francia, ben a Portugal ou ben ao norte de Marrocos, que constitúe ao seu entender a gran ameaza actual.

 

Por último, os invitados tamén destacaron a importancia de levar a cabo unha verdadeira estratexia de marca país e facer marketing territorial para identificar os sectores que se quere  potenciar e xerar valor engadido, unha tarefa que teñen pendente actualmente as autoridades autonómicas.