As cidades do Eixo Atlántico reivindican o seu protagonismo na reconstrución post-COVID 19
Alcaldes de Galicia e Norte de Portugal defenden que a crise debe ser unha oportunidade para a Eurorrexión
A Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico, celebrada en Pontevedra, reivindicou unanimemente o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administracións dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento.
Precisamente porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades dos seus cidadáns, reivindican un papel protagonista no proceso de reconstrución para garantir que dito proceso contemple e apoie as necesidades dos habitantes das cidades da Eurorrexión.
Ao longo de case catro horas os alcaldes das principais cidades da Eurorrexión integrados no Eixo Atlántico, entidade que convoca a conferencia, debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as liñas mestras que deben definir a folla de ruta da reconstrución.
Os responsables políticos reivindicaron a situación dos territorios de baixa densidade, que sempre son os máis desprotexidos, non da pandemia, senón dos apoios para superar os seus efectos. Unha postura defendida polo presidente da Deputación de Lugo, a alcaldesa de Lugo, o alcalde de Sarria ou o do Barco de Valdeorras. Esta posición á que tamén se adheriron os seus homólogos portugueses do interior, revelou situacións ignoradas como as que está vivindo o sector agroalimentario vencellado á gastronomía e ao turismo xa que moitas das grandes superficies venden produtos doutras rexións españolas.
Por iso, unha das reivindicacións unánimes foi o apoio a os sectores produtivos do territorio tanto no referente ás pequenas e medianas empresas, como aos autónomos.
Neste sentido o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, defendeu que as axudas non poden ir a empresas como Iberia ou Vodafone que non son españolas e o seu capital non é español, senón do Reino Unido, país que abandonou a UE, senón aos empresarios e autónomos portugueses e galegos. “España non debe de actuar como un cabalo de Troia para que o diñeiro da UE vaia a empresas inglesas, senón que debe de o investir en quen paga aquí os seus impostos e xeran riqueza e con iso manteñen a sanidade, educación e a propia administración pública”, sinalou.
O ex presidente da Xunta Fernando González Laxe recalcou a importancia de reforzar a maritimidade do territorio como un dos grandes eixes de desenvolvemento económico e, en sintonía co exposto por Carlos Moedas, ex-Comisario Europeo de Investigación, Ciencia e Innovación, recordou a importancia de incorporar a innovación e investigación a este sector investindo en ambos sectores, insistindo na importancia da dixitalización e no papel relevante que os concellos teñen que xogar neste proceso.
No mesmo sentido Miguel Poiares Maduro, director do Instituto de Estudos Europeos de Florencia recordou a importancia dunha administración áxil e eficaz e a necesidade de que a innovación se levase aos concellos e a través das cidades ao seu tecido social e económico.
González Laxe insistiu nos elementos que os concellos deben ter en conta nun futuro inmediato, como a creación de emprego, o cambio climático, “que vai transformar a economía produtiva nos próximos anos”, a conectividade, a cualificación humana e tecnolóxica, as necesidades sociais e a participación dos cidadáns nas decisións que lles afecten.
Outro elemento central no debate foi a necesidade de desenvolver a sostibilidade do territorio, non só polo seu carácter económico e de calidade de vida, senón, como se viu durante esta pandemia, polo seu forte compoñente sanitario, así como a necesidade de incentivar os ciclos curtos, tanto produtivos, como de consumo, que redundan no comercio de proximidade e que supón poñer en valor o consumo de produtos tradicionais.
Emilio Fernández, catedrático de Ecoloxía na Universidade de Vigo, subliñou que a baixada da contaminación que se produciu durante o confinamento supuxo un elemento moi positivo de prevención sanitaria, especialmente para enfermidades respiratorias.
Incidiuse tamén na necesidade de desenvolver plans de mobilidade urbana sostible para minorar o uso e impacto do vehículo privado. Tamén se reforzou a necesidade de mellorar as infraestruturas pendentes, especialmente ferroviarias para favorecer unha mobilidade máis sostible e saudable. Fernández recordou que pese á caída da contaminación nos meses de confinamento, esta só se rebaixou a niveles similares aos do ano anterior: “evidentemente moi pouco”, subliñou.
Moi destacables foron tamén as intervencións de Anxo Carracedo, Catedrático de Medicina Legal ou Maria João Rauch, consultora da OCDE, que apostaron pola investigación como crave para saír desta nova crise incidendo na transferencia deste coñecemento como elemento indispensable. Tamén insistiron na necesidade de reter o talento e investilo en noso territorio.
Xosé Manuel Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago referiu unha conversa cunha empresa alemá que quere investir en Santiago e que lle trasladou a elevada capacidade e investigación que xera o núcleo de biotecnoloxía e tecnoloxía biomédica xerado ao Campus de Excelencia da Saúde, pero a escasa capacidade de comercialización de patentes e produtos desta investigación. Bugallo explicou como a aposta pola investigación pode xerar investimentos e converterse nun motor de desenvolvemento económico
Con todo, o debate centrouse especialmente nos aspectos económicos destinados a dinamizar a economía e recuperación do emprego no menor tempo posible. Así Joaquim Oliveira, director adxunto do Centro de Emprendimento das Rexións e Cidades da OCDE, insistiu a dixitalización como unha necesidade e unha grande oportunidade para todos, que no caso das empresas “convértese nunha cuestión de supervivencia”.
Pola súa banda, Carmen José López, mentora de proxectos emprendedores na Escola de Organización Industrial (EOI) puxo de relevo que esta crise nos deixou dúas evidencias. Por unha banda, a capacidade de nosas empresas para ser competitivas; “si hai demanda, hai competitividade”. E por outra banda, os perigos dunha dependencia excesiva de mercados foráneos. O que pon de manifesto tamén a apertura dunha oportunidade para a alianza das grandes empresas con emprendedores que poden xerar innovación. Insistiu na necesidade de eliminar as trabas burocráticas a emprendedores e autónomos e a necesidade dunha administración eficiente que axilice os procesos necesarios para a creación de empresas.
Para José Palma Andrés, ex-Director de Cooperación da Comisión Europea, “Europa ten una gran oportunidade ante si e España e Portugal teñen moito que gañar na nova estratexia europea e conseguir saír do ciclo, que cualificou de “maldito”, de dependencia dos Fondos de Cohesión e animou a fortalecer e fomentar os centros de competencia; isto é os “ clúster” sectoriais como transportes ou a industria 4.0, etc.
José Soeiro, ex presidente do Instituto Financeiro de Desenvolvo Rexional de Portugal, considerou necesaria unha nova visión estratéxica a curto e medio prazo non só académica, senón con medidas e iniciativas que amplíen a cooperación territorial.
As intervencións que centraron máis o debate foron a de Carlos Moedas pola súa condición de ex comisario e o coñecemento que achegou sobre a implementación da innovación, programas existentes e as políticas da UE nesta materia e o seu impacto sobre a competitividade nun momento chave para xerar actividade económica.
José Luís Méndez Romeu explicou que vivimos o que denominou “optimismo informado”, dado as novas demandas sociais que requiren dunha nova relación entre os cidadáns e as súas institucións, á vez que coincidiu coa vicepresidente do Eixo e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, en que se impón a interacción das persoas co espazo público. Isto supón o desenvolvemento de novas políticas de mobilidade medioambiental e urbanística. O ex secretario de Estado de Cooperación e ex conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia incidiu na necesidade do traballo en rede entre institucións e empresas para o intercambio de coñecemento, poñendo como exemplo o traballo desenvolvido polo Eixo Atlántico neste ámbito.
Romeu abordou a necesidade dunha xestión municipal áxil unida a un novo liderado local, non só nas súas competencias, senón na capacidade de mobilización de iniciativas, rexionais, estatais e, ata, europeas.
Nas numerosas intervencións dos alcaldes propuxéronse medidas concretas para a activación da cobertura social, como foi o caso de Emídio Sousa, alcalde de Santa Maria da Feira ou o concelleiro de relacións internacionais de Maia, Paulo Ramalho. Entre os alcaldes galegos, Ángel Mato, de Ferrol, puxo a Navantia como un exemplo de desenvolvemento industrial en base á aplicación das novas tecnoloxías e o seu traballo nos parques eólicos que está a desenvolver con Iberdrola e unha multinacional francesa, tanto no parque eólico de Viana do Castelo, como no futuro parque eólico de Bretaña.
Varios dos asistentes reflectiron o carácter pioneiro desta conferencia en Europa e trasladaron a súa felicitación polo feito inusual de que nunha reunión de alcaldes todos defenderon o colectivo e ningún suscitou cuestións individuais ou locais.
A vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, falou do papel fundamental dos municipios en todas as medidas de choque levadas a cabo, como administración máis próxima ao cidadán; “queremos ser actores activos na reconstrución e que podamos estar na toma de decisións e no seu financiamento” e concluíu afirmando que “este é un momento de cambio que temos que aproveitar como unha oportunidade de futuro”.
Pola súa banda, o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio, destacou o papel de liderado da entidade ao conseguir reunir a máis de 30 alcaldes para centrarse, “non nunha lista de reivindicacións, senón en fortalecer un modelo de cooperación que queremos afianzar entre concellos, axentes sociais e os cidadáns, ademais de potenciar os recursos da Eurorrexión para que se desenvolva de forma cohesionada”.
Entre os asistentes ao acto destacou a presenza do presidente do Consello Económico e Social de Galicia, Agustín Hernández, ou a do presidente da Federación Galega de Municipios e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, entre outros.
DESCARGAR PUBLICACIÓN: Conferencia de Alcaldes Post Covid 19. Análises e propostas.
GALERÍA DE FOTOS:
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/as-cidades-do-eixo-atlantico-reivindican-o-seu-protagonismo-na-reconstrucion-post-covid-19#sigProId1dd254d4e4