Skip to main content

Amarante acolle a IX edición de EXPOCIDADES, que se realizará do 8 ao 10 de maio de 2026

Amarante acolle a IX edición de EXPOCIDADES, que se realizará do 8 ao 10 de maio de 2026

A feira de turismo de proximidade reunirá 29 expositores de Galicia e do Norte de Portugal. Programa completo

Amarante acollerá a IX edición da EXPOCIDADES os días 8, 9 e 10 de maio de 2026, consolidando este evento como un dos principais encontros de turismo de proximidade entre Galicia e o norte de Portugal. 

A inauguración terá lugar o venres 8 de maio, ás 16:00 (hora portuguesa), no Parque Multifuncional do Rossio, dando inicio a tres días dedicados á promoción dos municipios do Eixo Atlántico e á valorización do seu potencial turístico, cultural e económico.

A edición de 2026 reunirá 29 entidades, entre elas o Eixo Atlántico, sumando dous municipios máis respecto da edición de 2025 celebrada en Sarria, o que reforza o seu crecemento e a súa representatividade no ámbito eurorrexional.

Durante os tres días da Expocidades, o público poderá gozar dunha programación dinámica que combina gastronomía, artesanía, obradoiros, actividades infantís, música, teatro e demostracións en vivo. Os distintos stands dos municipios e entidades participantes ofrecerán degustacións de produtos e exhibicións de tradicións locais. O municipio anfitrión, Amarante, contará ademais con actuacións musicais de Suspensive Mood, Trovadores da ViolAMArantina e Fole e Festa, entre outros. O último día incluirá tamén un sorteo dun cruceiro polo río Douro.

Estratexia de turismo responsable: turismo de autor e turismo policéntrico

Expocidades, feira de turismo de proximidade, forma parte da estratexia de turismo promovida polo Eixo Atlántico, que busca fortalecer un dos sectores máis importantes do territorio de forma responsable, sostible e de excelencia, garantindo ao mesmo tempo que o seu desenvolvemento non xere desequilibrios ou tensións nas cidades ou entre os seus habitantes.

Neste contexto desenvólvense os conceptos de “turismo de autor” e “turismo policéntrico”, que buscan valorar os recursos locais, diversificar a oferta e desconxestionar os destinos máis saturados, promovendo ao mesmo tempo micromdestinos con alto valor patrimonial, cultural e ambiental.

O obxectivo é avanzar cara a un turismo máis equilibrado, sostible e cohesionado, aliñado cos desafíos sociais e ambientais actuais, consolidando un modelo de desenvolvemento que beneficie tanto aos visitantes como ás comunidades locais.

Amarante, un destino de cultura e natureza

Amarante é un destino que combina historia, natureza e creatividade. Situada á beira do río Tâmega, a cidade conserva un valioso patrimonio histórico, co seu ponte e a Igrexa de São Gonçalo como principais símbolos de identidade.

O municipio mantén unha forte vinculación con grandes figuras da cultura portuguesa como Amadeo de Souza-Cardoso, Teixeira de Pascoaes e Agustina Bessa-Luís, e ofrece unha ampla variedade de experiencias que abranguen desde o termalismo ata actividades de natureza como sendeirismo, escalada ou golf. A súa identidade resúmese no concepto de “Natureza Criativa”, que integra cultura, paisaxe e autenticidade.

Horario de funcionamento dos stands (horario Portugal)

  • Venres 8 de maio: das 16:00 ás 22:00 horas
  • Sábado 9 de maio: das 15:00 ás 22:00 horas
  • Domingo 10 de maio: das 10:30 ás 13:00 horas e das 15:00 ás 20:00 horas

Esta actividad enmárcase dentro do proxecto TSI, cofinanciado por Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.