Skip to main content

Alumnos de Vila Real viaxan ao Barco dentro do Programa de Intercambios Culturais do Eixo Atlántico

Alumnos de Vila Real viaxan ao Barco dentro do Programa de Intercambios Culturais do Eixo Atlántico
 

Case que 50 alumnos do Barco e da localidade portuguesa de Vila Real participan desde mañá nos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico. Trátase dunha iniciativa organizada e financiada polo Concello do Barco, no que este ano participa o CEIP Condesa de Fenosa. Con este programa, búscase facilitar o intercambio entre escolares dos diferentes concellos de Galicia e Norte de Portugal que integran Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular e, neste caso en concreto, as cidades de O Barco e Vila Real.

Os obxectivos do programa son os de promover entre estudantes e docentes o coñecemento dos municipios, así como o seu patrimonio cultural, natural e inmaterial; facilitar o intercambio entre estudantes dos diferentes municipios do Eixo Atlántico; concienciar aos estudantes da importancia de vivir nun municipio integrante do Eixo Atlántico, integrantes dunha Eurorrexión, e promover a realización de experiencias didácticas que potencien o uso do municipio como recurso educador.

Na primeira fase deste intercambio, 6 rapaces e 14 raparigas, acompañados dun profesor e unha profesora do CEIP Condesa de Fenosa, viaxaron a Vila Real os días 10 e 11 de abril. Agora, 25 alumnos e dous profesores do Agrupamento de Escolar Diogo Cão, e unha técnica do municipio de Vila Real estarán os días 8 e 9 de maio no Barco de Valdeorras, onde desenvolverán un amplo programa de actividades.