A Alcadesa de Matosinhos, Luísa Salgueiro, asume a vicepresidencia
Alfredo García, presidente da Fegamp e alcalde do Barco de Valdeorras, foi elixido esta mañá por unanimidade presidente do Eixo Atlántico na reunión que celebrou a comisión executiva da entidade en Valdeorras. Substitúe no cargo a Ricardo Rio, alcalde de Braga, e presidente do Eixo durante os dous últimos anos.
Trátase da primeira vez que unha localidade do interior de Galicia asume a presidencia do Eixo Atlantico desde o ano 2003, cando ostentaba este cargo Manuel Cabezas, alcalde de Ourense, quen tamén foi presidente da Fegamp durante a súa presidencia da entidade transfronteiriza.
O feito de compatibilizar ambas as presidencias, a dos concellos e a Eurorrexión, reforza o peso do municipalismo nun momento clave para o futuro da Eurorrexión xa que se están negociando en Bruxelas as políticas de cohesión e os fondos que as financien para o período 2021-2028, primeiro período de programación post Brexit e post crise. A batalla que enfronte en Bruxelas aos países partidarios das políticas de cohesión e aos contrarios á mesma vai precisar dunha voz forte do municipalismo para defender os intereses da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Os membros da comisión executiva tamén aprobaron por unanimidade a elección da alcaldesa de Matosinhos, Luísa Salgueiro, como vicepresidenta do Eixo.
Durante a reunión, a comisión executiva aprobou as liñas principais do programa para 2018, que se centrará no desenvolvemento da Axenda Urbana aprobada no congreso de Braga e das principais infraestruturas pendentes: Saída sur de Vigo para a liña A Coruña Lisboa, conexión Ferrol-A Coruña, liña ferroviaria Ourense- Lugo, liña de mercadorías Ourense- Palencia e construción da A76.
Igualmente, a comisión executiva do Eixo Atlántico ratificou a necesidade de que se estableza unha unidade coordinadora das emerxencias entre España e Portugal con carácter permanente para a prevención e combate contra o lume en toda a fronteira.
A esta reunión asistiron os alcaldes do Porto, Braga, a nova alcaldesa de Matosinhos, o alcalde de Bragança e os alcaldes galegos de Lugo, A Coruña, Monforte e Lalín.
Bienal de Pintura
Posteriormente foi inaugurada na Sala de Exposicións da Praza do Príncipe a XII Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez, departamentos da Xunta que participan no certame de pintura.
Nesta edición, que empeza o seu percorrido no Barco, e visitará as cidades do Eixo ao longo de 2018, participaron máis de 120 artistas. Os premios do xurado presidido pola artista portuguesa Paula Tavares, recaeron en:
-Premio Novos Talentos Luso-galaicos: Fragmentos de Memória, de Fábio Araújo
-Segundo Premio de autor galego: América, de Xosé Lois Carreira López
-Segundo Premio de autor portugués: Two Big Women, de Marco Macedo
-Primeiro Premio á mellor obra do certame: Série 0, Descontruindo, de Fátima Tees.
A Bienal de Pintura do Eixo Atlántico, con 20 anos de vida ás súas costas, configurouse como unha das principais da Eurorrexión, xunto coa Bienal de Cerveira, e constitúe un auténtico escaparate da creación pictórica galaico portuguesa na Península Ibérica.
A inauguración no Barco supón unha aposta pola promoción do interior da Eurorrexión, xa que este tipo de eventos adoitan producirse nas grandes cidades da costa, o que dalgunha forma limita o acceso aos recursos culturais das cidades do interior, menos poboadas e por tanto con menos recursos dispoñibles.
A cohesión do territorio constitúe unha das prioridades do Eixo Atlántico, xa sexa no ámbito da cultura ou das infraestruturas.
Galería de fotos
https://www.eixoatlantico.com/gl/noticias/eixo-atlantico/alfredo-garcia-novo-presidente-do-eixo-atlantico#sigProId1d33d5c917