A Comisión Europea anunciou que o Goberno español incluíu a liña Ourense-Monforte-Palencia na proposta do Corredor Atlántico para a Rede Europea de Transporte
As infraestruturas de comunicación ferroviaria protagonizaron o programa mensual sobre a Eurorrexión de Radio Vigo Grupo de Comunicación.
O alcalde do Barco de Valdeorras, presidente da Fegamp e do Eixo, Alfredo García; Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático de Ferrocarrís e asesor do Eixo e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico, abordaron a situación das comunicacións ferroviarias na Eurorrexión, especialmente da liña Monforte Palencia, no programa “Hoy por hoy”, presentado por Jacobo Buceta, que se emite tamén a través de Localia Televigo e se redifunde a través de Antena Minho para o norte de Portugal.
Os protagonistas analizaron os resultados do cume ferroviario en defensa do corredor atlántico celebrado no Barco de Valdeorras o 16 de marzo, onde un alto representante da Comisión Europea anunciou que o Goberno español incluíu a liña Ourense-Monforte-Palencia na proposta do Corredor Atlántico para a Rede Europea de Transporte e que en 2018 haberá unha revisión dos corredores aprobados por Bruxelas polo que se podería incluír e acceder ao financiamento europeo para a súa posta en marcha.