Skip to main content

A VIII Mostra Musical do Eixo Atlántico reflicte en Barcelos o alto nivel dos novos intérpretes da Eurorrexión

A VIII Mostra Musical do Eixo Atlántico reflicte en Barcelos o alto nivel dos novos intérpretes da Eurorrexión

30 solistas e 14 agrupacións, procedentes de 22 cidades de Galicia e do Norte de Portugal, participaron nesta oitava edición

O/as participantes da VIII Mostra Musical do Eixo Atlántico actuaron este fin de semana no en Barcelos. O certame, que se celebrou entre o sábado e o domingo, supuxo a confirmación do alto nivel dos novos intérpretes de música clásica e jazz da Eurorrexión.

A Mostra Musical convócase cada dous anos coa finalidade de pór en valor aos mozo/as intérpretes, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico. Un dos obxectivos principais da Mostra é favorecer este intercambio cultural e a convivencia entre os participantes dun e doutro lado do Miño.

O certame está dirixido a mozos intérpretes que sexan estudantes das Escolas de Música ou Conservatorios Profesionais (no caso de Galicia) e Escolas Profesionais e Conservatorios (no caso de Portugal), pertencentes aos municipios membros do Eixo Atlántico.

Homenaxe a Joam Trillo

En cada edición a Mostra Musical do Eixo Atlántico recoñeceu o traballo do galego Joam Trillo.  

Naceu en Negreira, na provincia da Coruña, no ano 1942. Estudou Música Sacra e Composición Superior. Foi unha das figuras máis destacadas da protección e promoción da música galega, realizando un amplo labor de formación nas diferentes institucións galegas e de recuperación e difusión do repertorio dos compositores galegos dos séculos XVIII, XIX e XX.

Fundou e dirixiu a Xove Orquestra de Galicia en 1987, unha das formacións de referencia dentro da música galega, e en 1992 funda tamén a Ars Gallæciæ Musicæ, unha colección destinada a publicar as composicións de autores galegos do pasado e do presente, que conta xa con máis de 30 publicacións. O seu elenco conta cun importante catálogo de obras, incluíndo algúns grandes formatos sinfónicos e corais. Á súa vertente compositiva hai que engadir un intenso traballo de investigación, con varios libros e obras publicadas.

Entrega de premios

O domingo 14 de abril, despois da interpretación dos finalistas que se clasificaron da fase previa do sábado, tivo lugar a entrega de premios ás actuacións máis meritorias no São Bento Menni, de Barcelos.

O xurado desta edición estivo formado por, Rubén Vázquez Rodríguez, subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, da Xunta de Galicia; Lorena López Cobas, asesora da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Ana María López Díaz, asesora Consellería de Cultura, Educación e Universidade; Ana Maria Libera, Florian Pertzborn  e Eugénio Amorimque, profesores da ESMAE.

O principal premio da Mostra leva o nome de Xosé Manuel Rodríguez-Abella, pedagogo e xefe do Departamento de Educación de Santiago. Foi un dos pioneiros nos procesos socioeducativos impulsados polos Concellos galegos. Un dos principais foi o Movemento das Cidades Educadoras. Comprometido coa educación e a cultura, foi desde os inicios uno dos máis firmes impulsores da Mostra Musical de Novos Talentos do Eixo Atlántico traballando incansablemente desde a primeira edición. Falecido desde fai tres anos, o Grupo Temático de Educación e Cultura decidiu por unanimidade que o premio principal da Mostra levase o seu nome. Este galardón otorgouse á Orquestra Sinfónica da Artave, en representación do municipio de Vila Nova de Famalicão.

Na categoría de Solistas grupo A (até 10 anos) resultou gañador Guilherme Lemos do Vale, representante de Vila do Conde. Ademais,o xurado atribuíu unha mención honorífica a Nykolay Suprunov, de Vila Nova de Gaia.

Na categoría de Solistas grupo B (de 10 a 13 anos) resultou gañador João Rosa Marques do Souto e Lima, representante de Gondomar.

Na categoría de Solistas grupo C (de 13 a 15 anos), o xurado premiou o traballo de Francisco Lourosa Branco, de Santa Maria da Feira.

Na categoría de Solistas grupo D (dos 16 aos 18 anos) venceron, en ex aqueo, os representantes de Viana do Castelo, Gonçalo Ferreira Pinto, e de Matosinhos, Leonor Dias.

Polo que respecta ás agrupacións de cámara (entre dúas e seis integrantes) foi premiado o Trio Tenuto, de Ferrol.

Por último, na categoría de Agrupamentos Maiores, o xurado atribuíu unha mención honorífica ao Coro de Pequenos Cantores de Esposende.

No acto de clausura, o Grupo de Cámara da Banda Musical do Olivo tocou unha das composicións do homenaxeado. A gala concluíu co mesmo Grupo interpretando “Grândola Vila Morena”, acompañado de dous coros do municipio de Barcelos.