Skip to main content

A VI Mostra Musical do Eixo Atlántico amosa en Vila Real o alto nivel dos novos intérpretes da Eurorrexión

A VI Mostra Musical do Eixo Atlántico amosa en Vila Real o alto nivel dos novos intérpretes da Eurorrexión

Máis de 300 rapaces participaron nesta edición, que destacou polo gran nivel técnico dos mozos e mozas de Galicia e o norte de Portugal e polo compañeirismo entre os participantes

Os participantes da Mostra Musical do Eixo Atlántico brillaron este fin de semana en Vila Real. O certame, que se celebrou entre o sábado e o domingo, supuxo a confirmación do alto nivel dos novos intérpretes de música clásica e jazz da Eurorrexión.

Era a primeira vez que a Mostra Musical do Eixo Atlántico se celebraba integramente fóra de Vilagarcía de Arousa, lugar onde se viña realizando desde 2008 e a organización pasou con nota a proba. Pero sobre todo hai que poñer en valor o traballo dos rapaces e o dos seus profesores, que demostraron o alto nivel que están a acadar as escolas de música e conservatorios tanto no norte de Portugal como en Galicia.

A Mostra Musical convócase cada dous anos coa finalidade de poñer en valor os músicos dos conservatorios e das escolas de música municipais, apoiando a aqueles músicos intérpretes que polo seu valor e interese poidan contribuír a difusión do gusto pola música clásica e o jazz, favorecendo a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico.

Un dos obxectivos principais da Mostra é favorecer este intercambio cultural e a convivencia entre os participantes dun e doutro lado do Miño e foi realmente gratificante ver como durante todo o evento, a pesar de estar competindo, entre os intérpretes primaba sobre todo o compañeirismo.

O certame está dirixido a novos intérpretes que sexan estudantes das Escolas de Música ou Conservatorios Profesionais (no caso de Galicia) e Escolas Profesionais e Conservatorios (no caso de Portugal), pertencentes aos municipios membros do Eixo Atlántico.

Para a organización da Mostra Musical o Eixo Atlántico conta coa colaboración da Casa da Música do Porto e da Xunta de Galicia, a través de Secretaría Xeral de Cultura.

 Entrega de premios

O domingo, despois da interpretación dos finalistas que se clasificaran da fase previa do sábado, tivo lugar a entrega de premios ás actuacións máis meritorias.

O xurado desta edición quixo recoñecer especialmente as interpretacións –ex aequo- de Maria Soeiro Oliveira, en representación do municipio de Maia e Mafalda Soares Ribeiro, de Braga, na categoría de Solistas grupo A (até os 10 anos).

Na categoría de Solistas grupo B (de 11 a 12 anos) resultou gañadora Matilde de Sousa Margalho, en representación do municipio de Santa Maria da Feira.

Na categoría de Solistas grupo C (de 13 a 15 anos), o xurado premiou o traballo de Tomás Celeste, de Matosinhos, e decidiu tamén entregar unha mención honrosa a Matilda Pinto Mensink, do Porto.

Na categoría de Solistas grupo D (dos 16 aos 18 anos) venceu o representante da Eurocidade Chaves- Verín Rafael Filipe Picamilho Simão. Así mesmo, o xurado acordou entregar tamén unha mención honrosa a Romeu Velez de Rodrigues Aires Lourenço, en representación do Municipio de Vila Nova de Gaia e a Lia Rafaela de Marcos e Melo, de Vila Real.

No que respecta ás agrupacións de cámara (entre dous e seis integrantes) foi premiado o cuarteto de saxofóns do Conservatorio de Música do Porto. Ademais, o xurado acordou tamén unha mención honrosa ao Duo de Percusión Esproarte, en representación do municipio de Mirandela.

Por último, na categoría de Agrupamentos Maiores, acadou o galardón a Banda Sinfónica da Academia de Artes de Chaves, en representación da Eurocidade Chaves-Verín. O xurado decidiu tamén entregar unha mención honrosa ao Pequecoro “In crescendo”, que representaba de Ferrol.   

Homenaxe a Nemesio García Carril

En cada edición a Mostra Musical do Eixo Atlántico quere recoñecer a figura dun persoeiro relevante da música clásica ou jazz da Eurorexión. Este ano o homenaxeado foi Nemesio García Carril, artista e profesor natural de Santiago de Compostela cunha dilatada carreira en canto, dirección, composición e musicoloxía e recoñecementos a nivel nacional e internacional.

Nemesio García Carril non puido asistir á cerimonia por motivos de saúde se ben que quixo transmitir a través dun sentido vídeo a súa emoción e gratitude pola homenaxe. Foron moitas as conversas con Nemesio nestes meses previos á Mostra nas que puidemos percibir a intensidade coa que vive a música sempre coa intención de transmitir ós demais.

A pesar de vivir fóra de Galicia, está profundamente unido a esta terra dende que con 5 anos comezou a tocar a gaita e aproveitaba cada momento para facelo, “sobre todo cando ía ó monte coas vacas”, segundo explicaba el mesmo.

A súa relación con Portugal non foi só con Lisboa senón tamén co Norte, dunha parte polas continuas viaxes entre Sobrado dos Monxes e Lisboa, e doutra por ter recibido unha oferta de traballo no Porto que finalmente non puido aceptar pola súa marcha a Roma.

Galería de fotos