Skip to main content

A Unesco declara a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a sétima reserva da biosfera de Galicia

A Unesco declara a Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel a sétima reserva da biosfera de Galicia

A Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade

O Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB, reunido en Nixeria, fixo pública esta tarde a relación das novas reservas da biosfera en todo o mundo

Grazas á nova declaración, case o 35% do territorio galego goza xa deste prestixioso recoñecemento internacional e o 42% ten algún tipo de figura de protección

A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é, oficialmente, a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou hoxe o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns e que esta tarde anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional.

A Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel é a segunda máis grande da Comunidade, xa que abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas que se estende polos canóns do Sil e polo río Miño e destaca pola súa gran beleza natural e pola riqueza cultural e etnográfica que atesoura.

Tras a proclamación hoxe por parte da Unesco, este territorio intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas da Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.